Inauguración da exposición "Experimenta 10+1", no Centro Cultural "Marcos Valcárcel"

Compartir

  • Trátase dun proxecto expositivo colectivo no que os artistas xogan co espazo, a cor, o volume, a forma e a percepción do espectador.

Ourense, 7 de outubro de 2016.- No Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense tivo lugar esta tarde a inauguración da exposición "Experimenta 10+1", un proxecto expositivo colectivo no que os artistas xogan co espazo, coa cor, o volume, a forma e a percepción do espectador. No acto participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural "Marcos Valcárcel", Francisco González; os doce artistas; e a comisaria de mostra, Paula Cabaleiro.

Pintura, escultura, debuxo, instalación, e mesmo vídeo, reflicten toda a multidisciplinariedade da arte contemporánea nas obras de Chelo Matesanz, Mónica Alonso, Din Matamoro, Sara Coleman, Suso Fandiño, Berta Cáccamo, Hector Francesch, Mónica Trastoy, Mar Vicente e Rubén Fernández Castón, ademáis da peza de Adriana Pazos e María Roja, que ademais da acción artística en directo "Dasein", realizada no acto inaugural, compleméntase cunha vertente expositiva. Comisariada por Paula Cabaleiro e asistida por Íñigo Rodríguez, esta exposición trata de provocar un diálogo co espectador, cuestionando os límites da pintura dende diversas liñas experimentais.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández salientou na inauguración "a clara e decidida aposta do goberno provincial polo talento dos novos creadores. Eles son o futuro e nós temos a obriga de por os medios necesarios para que teñan as súas oportunidades".

A mostra recolle unha mestura multixeracional de 12 experimentos artísticos, 12 modos de pintar (de xeito expandido), 12 maneiras de proceder, de crear e rachar categorías. A pintura como transgresión do propio xénero, a escultura como medio para transformar a percepción do espazo, a luz como materia dúctil e o espectador como axente participativo na obra. O resultante do acto pictórico expándese nunha materialización da imaxinería visual a través da cor, integrando o movemento, o percorrido e as sensacións como elementos construtores. As superficies québranse, ábrense e retórcense, a cor fuxe dos lindes, vólvese luz, corpo e movemento, no que para o artista é un acto de liberación do plano.

"Xogamos coa provocación. A emoción maniféstase en cada cor, en cada contraste, en cada espazo, e nesta posta en escena da pintura expandida cada elemento está suxeito a outro sendo, por tratarse da suma de elementos reais e virtuais, difícil de premeditar con completo control. A instalación, o vídeo e os novos medios irrompen nesta pintura contemporánea para acadar unha maior transformación do lugar, da súa dimensión e da súa forma, rachando a lectura lineal, sen un comezo nin un final", destacou a comisaria da mostra.

Esta pintura-video-instalación xenera un espazo alterado, onde a obra cobra un corpo-obxectual no que o espectador está inserto, "entra á obra". Esa condición de estar dentro da "obra" é o que permite ser percibida por todos os sentidos e trasladar ao observador ao espazo que pretende o artista, un espazo ritual, sensorial e irracional, explicou Paula Cabaleiro, quen engade que o expandido "fai referencia á multiplicidade de medios que se poden utilizar na arte", facendo alusión á globalización do mundo, pero tamén aos medios que o desenvolvemento puxo ao servizo dos creadores.