Manuel Baltar recibe á asociación "Amigos da Cociña Galega"

Compartir

  • Ourense celebra do 17 ao 19 de outubro un encontro entre profesionais gastronómicos españois e de outros países.

Ourense, 18 de outubro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu esta mañá no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, á asociación "Amigos da Cociña Galega" encabezada polo seu presidente, o coñecido restaurador, Pepe Solla, que por primeira vez celebra en Ourense un encontro de profesionais gastronómicos chegados de diferentes puntos da xeografía española e doutros países.

Manuel Baltar agradeceu o traballo que realiza esta asociación "pola súa importancia e polo que defende, xa que a gastronomía é un dos estandartes da nosa cultura". Nese mesmo senso, puxo en valor a riqueza gastronómica da nosa provincia lembrando que contamos "con catro denominacións de orixe vitivinícolas, o coñecido pan de Cea, os pementos con denominación de orixe de Oímbra e Arnoia, e a castaña, todo elo supón un marco fabuloso para vender e competir", e salientou o labor que realiza o goberno provincial, "que defende os intereses da provincia de Ourense, a única provincia de Galicia que non ten mar pero que chega a todos os mares do mundo a través da súa xente traballadora, creativa e emigrante".

Durante os días 17,18 e 19 de outubro, a asociación recorrerá a provincia para coñecer Ourense as súas empresas e os seus produtos. Dentro da programación prevista para hoxe, asistirán a unha conferencia sobre "Empresa familiar e relevo xeracional: protocolo e sucesión", que terá lugar na sede da Confederación Empresarial de Ourense, e participarán nunha presentación de produtos ourensáns a cargo das empresas Aceites Abril, Bodegas GMR, Coren, Cuevas e Queixos Feijóo, na mesma sede empresarial.

Mañá mércores, 19 de outubro, retomarán as actividades pola mañá coa visita ao Hotel Balneario de Baños de Molgas, e posteriormente, visitarán o Museo "Moncho Borrajo", para rematar coa visita ao Castelo de Castro Caldelas.