Cooperación cos concellos en materia medioambiental, tributaria e de infraestruturas

Compartir

Ourense, 19 de outubro de 2016.- As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións hoxe mércores, 19 de outubro e mañá xoves, 20 de outubro, no Pazo Provincial. Nas xuntanzas de hoxe celebraranse as comisións de cooperación, facenda e transparencia, sendo a quenda das de cultura, termalismo e igualdade, ao día seguinte.

Mañá xoves, na comisión de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente abordaranse dous convenios de cooperación relativos ao servizo intermunicipal do punto limpo, por unha parte, entre a Deputación de Ourense coa Mancomunidade de municipios da comarca de Verín e, por outra, coa Mancomunidade de municipios de Conso-Frieiras e os concellos de Viana do Bolo e A Mezquita, para a prestación deste servizo por parte do goberno provincial.

Nas reunións de hoxe, na comisión informativa Especial de Facenda abordarase a delegación na Deputación de Ourense das competencias de xestión tributaria e recadación das taxas do Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do servizo contra Incendios e Salvamento. Asemade tratarase a modificación dos expedientes nº 3/2016 e 4/2016 de modificación de créditos para o exercicio de 2016.

Por último, na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural tratarase a expropiación forzosa para a execución da obra "mellora, pavimentación e apertura accesos rede viaria municipal", no Concello da Peroxa. Por outra parte, abordarase a modificación do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e de rede viaria provincial do exercicio 2016, relativa á obra da rede provincial nº 135/POS/2016 do Concello de Vilamartín de Valdeorras e á obra nº 133/POS/2016 do Concello da Teixeira.