Un libro do premio "Ourensanía" 2013, José Rodríguez Carballo, protagonista da gala "Galicia, sexta provincia"

Compartir

 

  • O acto, celebrado hoxe no balneario de Mondariz, contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen dixo que homenaxear a Rodríguez Carballo "é recoñecer o seu compromiso con Galicia, coa lingua e coa nosa cultura, e supón tamén enaltecer a un ourensán de xenerosidade sen límites coa terra na que naceu".

Ourense, 21 de outubro de 2016.– O premio "Ourensanía" 2013, o arcebispo de Belcastro, José Rodríguez Carballo, foi o protagonista hoxe da gala "Galicia, sexta provincia", que se celebrou no balneario de Mondariz, e onde se presentou o libro –prologado polo Papa Francisco- que recolle as vivencias, opinións e reflexións de Rodríguez Carballo, nomeado pola Súa Santidade secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica, un nomeamento como alto cargo da curia que foi o primeiro que fixo Francisco no seu Papado.

Na obra, Fray José Rodríguez Carballo. Armonía vital, o autor analiza personaxes históricos, conceptos relixiosos e sociais, e fai un percorrido polas súas orixes galegas e a súa vinculación con personaxes como Antón Lamazares.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo que este acto e este libro "homenaxean a Rodríguez Carballo, a quen todos recoñecen o seu compromiso con Galicia, coa lingua e coa nosa cultura; un ourensán de xenerosidade sen límites coa terra na que naceu, orgulloso das súas orixes en todo momento e en calquera lugar", e destacou que Rodríguez Carballo "é a máis alta dignidade eclesiástica que Galicia tivo nunca no Vaticano".

José Rodríguez Carballo recibiu o premio "Ourensanía" (2013), un recoñecemento honorífico que concede a Deputación de Ourense a aqueles ourensáns aqueles ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

No acto entregáronse os premios "Enrique Beotas", que destaca o labor de profesionais de primeiro orde no ámbito da comunicación, galardóns que nesta edición recaeron na presidenta do Congreso, Ana Pastor; no director de Comunicación de El Corte Inglés, José Luis González-Besada, e na directora da TVG, Rosa Vilas.

O proxecto editorial "Galicia, sexta provincia", impulsado polo xornalista Enrique Beotas –falecido no accidente ferroviario de Angrois-, comezou a súa andaina en 2002, baseado en entrevistas a galegos que destacan nos diferentes ámbitos da empresa, as ciencias, as humanidades e o deporte.

Na gala, presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, estiveron presentes, ademais de Manuel Baltar, o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaria; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, e persoeiros dos ámbitos institucional, cultural e social de Galicia. No apartado musical, o acto contou coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.