Aida Pascual abre o Outono Fotográfico no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" cunha exposición sobre natureza

Compartir

Ourense, 26 de outubro de 2016.- "Arcadia" é o título da exposición da fotógrafo Aida Pascual (Burgos, 1987) coa que o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense abre a súa participación nesta edicióndo Outono Fotográfico e que foi inaugurada esta tarde.

Evidentemente, non existe "Arcadia". Trátase dun lugar soñado, un territorio utópico no que a persoa vive en harmonía co medio que a rodea. E aí está este ensaio fotográfico, no que "Aida Pascual reflexiona sobre a supremacía da orde natural por riba da vontade humana, a inmensidade da natureza fronte á insignificancia humana", como sinalou Vítor Nieves, comisario desta mostra.

As fotografías de Aida Pascual "son una mostra máis do compromiso da Deputación e do centro cultural Marcos Valcárcel coa cultura e coas diferentes maneiras de expresión artística", sinalou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, no acto de inauguración.

A mostra, que poderá verse ata o día 20 de novembro, dará paso a unha segunda exposición, tamén dentro do Outono Fotográfico, onde se combinará fotografía e pintura, nun diálogo especialmente novidoso anunciado polo director do centro cultural, Francisco González.

Para máis información sobre as fotografías de Aida Pascual: www.aidapascual.com