Manuel Baltar defende na 2ª Conferencia de presidentes provinciais "intensificar a voz das deputacións cooperando e xestionando con excelencia a prol de concellos e cidadáns"
- Badaxoz toma o relevo de Ourense, que organizou en 2014 o primeiro cumio de presidentes provinciais, unha iniciativa promovida por Baltar para pór en valor os gobernos provinciais do século XXI.
- O presidente da Deputación de Ourense analiza, xunto cos seus homólogos de Barcelona, Valencia e Cáceres, o papel dos gobernos intermedios no Estado das Autonomías.
- O evento, que se celebra hoxe e mañá en Badaxoz, ten como obxectivo debater e coordinar entre os presidentes experiencias de xestión e explorar liñas de cooperación entre administracións.
- Guillermo Fernández Vara, cualificou de "magnífica" a idea que Manuel Baltar impulsou en 2014 "de crear un lobby de gobernos provinciais", afirmou o presidente de Estremadura.
Badaxoz, 17 de novembro de 2016.– O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, na primeira xornada da 2ª Conferencia de presidentes de gobernos provinciais, que se celebra en Badaxoz, a importancia de intensificar a voz das deputacións cooperando e xestionando con excelencia a prol de concellos e cidadáns, porque esa é mellor maneira de sermos proactivos como administracións e interactuar ao máximo cos cidadáns, para que os servizos públicos sexan verdadeiras ferramentas de xestión que poñemos a disposición dos administrados e dos concellos para atendelos con eficacia e eficiencia".
No cumio que hoxe comezou, Badaxoz toma o relevo de Ourense, que organizou en 2014 a 1ª Conferencia de presidentes provinciais, unha iniciativa promovida por Manuel Baltar para pór en valor os gobernos provinciais do século XXI. O tema central da conferencia será analizado polo presidente da Deputación de Ourense, xunto cos seus homólogos de Barcelona, Valencia e Cáceres, nun debate que terá lugar mañá na Deputación de Badaxoz e no que se tratará o papel dos gobernos intermedios no Estado das Autonomías. Con Manuel Baltar participarán a presidenta da Deputación de Barcelona, Mercé Conesa, e os titulares de Cáceres e Valencia, María del Rosario Cordero e Jorge Rodríguez.
Na xornada de hoxe, Manuel Baltar mantivo un encontro co presidente da Junta de Estremadura, Guillermo Fernández Vara; cos seus homólogos provinciais e coa presidenta da Fundación "Democracia y Gobierno Local", entidade que organiza a conferencia conxuntamente coa Deputación de Badaxoz. No encontro, Guillermo Fernández Vara, cualificou de "magnífica" a idea que Manuel Baltar impulsou en 2014 "de crear un lobby de gobernos provinciais", afirmou o presidente de Estremadura.
Rede interprovincial de cooperación
Este segundo cumio representa un paso máis logo do iniciado pola Deputación de Ourense en 2014 para crear unha rede interprovincial de cooperación que comparta, colabore e divulgue estratexias de coñecemento, información e promoción, e que poña en valor os recursos propios dos territorios provinciais e insulares. Unha rede que deber servir para transferir boas prácticas en materia de apoio político-económico a sectores, servizos ou accións que redunden na mellora económico-social destes territorios.
Os presidentes provinciais debaten nesta 2ª Conferencia sobre experiencias de xestión e exploran liñas de cooperación entre administracións. Temas como o papel dos gobernos provinciais como administracións modernas, adaptadas aos retos do século XXI; a reivindicación do territorio provincial, como o ámbito no que ten lugar a prestación de servizos aos municipios –en especial no medio rural-, e polo tanto, aos cidadáns; e o labor que desenvolven os gobernos provinciais nun Estado de estrutura autonómica, son os temas que están a debater estes días en Badaxoz os máximos representantes das deputacións provinciais, cabildos e consellos insulares.
A importancia dun foro destas características xa a puxera de manifesto Manuel Baltar en 2013, cando propuxo na Comisión Permanente da Fundación Democracia e Goberno Local a organización dun foro de debate de presidentes de gobernos locais intermedios en España, que meses máis tarde, en marzo de 2014, celebrou a súa primeira edición en Ourense. "A conferencia naceu co obxectivo de que os presidentes puidéramos debater xuntos por primeira vez o novo escenario dos gobernos locais intermedios, ademais de compartir experiencias de xestión e concluír o encontro cunha declaración conxunta das institucións provinciais, como así foi. Agora ten a súa continuidade con temas de máximo interese tanto para os concellos como os cidadáns, pois o que se pretende é analizar os diferentes ámbitos de xestión nos que traballan as deputacións e buscar puntos de encontro que nos permitan traballar conxuntamente en moitos aspectos", explica Manuel Baltar.
O presidente da Deputación defende a continuidade deste encontro afirmando que "nos permite aos presidentes provinciais de España coordinarnos diante dos novos retos da xestión local, nos que a innovación, a tecnoloxía, o medio ambiente e a excelencia dos servizos son os principais protagonistas do labor das administracións locais para cos nosos cidadáns e concellos".
O título que engloba a conferencia deste ano é: "O futuro das deputacións provinciais", un cumio que contará con relatorios e mesas redondas onde intervirán tamén o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente da Junta de Estremadura, Guillermo Fernández Vara; a presidenta da Fundación Democracia e Goberno Local e titular da Deputación de Barcelona, Mercé Conesa, e os presidentes das deputacións de Badaxoz e Castellón, Miguel Ángel Gallardo e Javier Moliner.