Deputación de Ourense e Viewnext (Grupo IBM) lanzan o primeiro Plan Piloto de Emprego Tecnolóxico
- Permitirá a cerca de 20 xóvenes desempregados da provincia de Ourense, con formación en Informática, sistemas e programación web, acceder ao mercado laboral no sector tecnolóxico.
- Manuel Baltar e José Manuel Brandeiro, director xeral de Viewnext (Grupo IBM), reuníronse no Pazo Provincial impulsar "esta alianza entre a Deputación e a compañía tecnolóxica, que facilitará a captación de talento no Campus de Ourense e contribuirá a mellorar as capacidades de formación e emprego dos xóvenes ourensáns", afirma Baltar.
- Un curso de programación, que a Deputación desenvolverá conxuntamente co Ministerio de Industria e no que poderán participar ata 30 mozos desempregados, será o paso previo, formación que inclúe axudas de ata 5.000 euros para empresas que contraten aos mozos.
Ourense, 25 de novembro de 2016.- A Deputación de Ourense e a compañía Viewnext, pertencente ao Grupo IBM, poñen en marcha o primeiro Plan Piloto de Emprego Tecnolóxico en Ourense, que permitirá a cerca de 20 xóvenes desempregados da provincia de Ourense, con formación en Informática, sistemas e programación web, acceder ao mercado laboral no sector tecnolóxico. Así o confirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, trala reunión que mantivo no Pazo Provincial con José Manuel Brandeiro, director xeral de Viewnext (Grupo IBM), un encontro "que impulsa unha alianza entre a Deputación e a compañía tecnolóxica que facilitará a captación de talento no Campus de Ourense e no ámbito da Formación Profesional da rama tecnolóxica e contribuirá a mellorar as capacidades de formación e emprego dos xóvenes ourensáns", afirma Manuel Baltar.
Un curso de programación, que a Deputación desenvolverá conxuntamente co Ministerio de Industria, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e no que poderán participar ata 30 mozos desempregados, será o paso previo, unha formación que inclúe axudas de ata 5.000 euros para empresas que contraten aos mozos. A acción formativa, cofinanciada co Fondo Social Europea de Garantía Xuvenil, abrangue 100 horas de formación tecnolóxica, especializada en programación web Java, centrándose en aspectos prácticos, co obxectivo de que os alumnos poidan ser contratados en breve prazo por empresas do sector, nas que existe ampla demanda. Entre os temas que se tratarán na acción formativa figuran: Orientación de obxecto, Asignacións e operadores, Arquitectura de WebSphere e Commerce, entre outros. O curso, cunha duración de mes e medio, desenvolverase en clases teóricas e prácticas, todas elas presenciais e impartidas en Ourense.
A apertura de inscricións para o curso ábrese mañá venres, 25 de novembro, e pode realizarse a través da web: www.eoi.es, estando previsto o comezo do curso a mediados do vindeiro mes de decembro.
"Provincia Intelixente"
Manuel Baltar remarca que este iniciativa forma parte do proxecto "Provincia Intelixente", que está a desenvolver a Deputación de Ourense, "proxecto que inclúe ademais a creación en Ourense dun centro tecnolóxico para a innovación por parte das compañías IBM e Vodafone, que ten como obxectivo de impulsar novas oportunidades de progreso económico e social na provincia da man da Deputación de Ourense".
Neste sentido, a Deputación de Ourense, primeiro goberno provincial que ten un modelo propio de "Provincia Intelixente", únese a IBM e Vodafone para desenvolver un proxecto que está na vangarda da innovación tecnolóxica. Esta alianza ten a súa razón de ser, segundo estas multinacionais, na innovación que a Deputación de Ourense leva a cabo nas iniciativas de servizos cidadáns.
Desta maneira, a provincia de Ourense será o primeiro referente nacional no desenvolvemento tecnolóxico dixital dun territorio provincial, "estratexia que ten como obxectivo ofrecer aos cidadáns mellores e máis accesibles servizos, independentemente do lugar no que residan, sexa na capital, ou en calquera outro punto xeográfico da provincia de Ourense", explica Manuel Baltar.
A empresa Viewnext é a única entidade de servizos de xestión e desenvolvemento de aplicacións do Grupo IBM en España, que conta con máis de 4.000 profesionais e oito centros de innovación, un dos cales sitúase en Pereiro de Aguiar.
José Manuel Brandeiro afirma que este acordo coa Deputación de Ourense "achéganos ao obxectivo de crecemento que temos planificado para este centro de traballo en Ourense", que conta na actualidade con 176 traballadores e capacidade para chegar ata os 200 empregados. "Trátase dun centro de alta cualificación que produce software e produtos informáticos e que ten como vocación a retención do talento local, polo que podería ser unha oportunidade laboral para os estudantes de informática".
O director xeral de Viewnext destaca que os centros de innovación desta compañía do Grupo IBM "están altamente cualificados e achegan vantaxes competitivas en contornas de alta calidade e produtividade, que poñen a disposición de empresas e institucións as infraestruturas, ferramentas e capacidades, co obxectivo de atender todas as demandas de servizos na área das tecnoloxías da información". "Son centros tecnolóxicos e de innovación que se teñen convertido en destacados focos de I+D+i na zonas onde se instalan, e contribúen ao desenvolvemento tecnolóxico e económico do territorio e á retención do talento local".