Declaración institucional da 2ª Conferencia de Presidentes de Gobernos Provinciais
Badaxoz, 18 de novembro de 2016.
Desde o comezo da nosa democracia, as Deputacións Provinciais foron protagonistas, como gobernos locais intermedios, da mellora xeral dos nosos pobos e cidades, sendo as institucións públicas máis adecuadas, para a vertebración e cohesión territorial, axudando aos municipios a desenvolver as súas competencias e a prestar máis e mellores servizos. O seu obxectivo final foi, e é, a achega de máis benestar aos cidadáns, ofrecendo servizos de calidade, que garanten a igualdade de oportunidades, evitando así que haxa cidadáns de segunda e de primeira.
Ao longo de todos estes anos, prestaron permanente asistencia, cooperación xurídica, económica e técnica, así como asesoramento, facilitando o adecuado funcionamento dos municipios, especialmente daqueles con menor número de habitantes.
Consideramos que o papel das Deputacións é esencial para os pequenos municipios.
O despoboamento do medio rural, como consecuencia da ausencia de suficientes políticas vertebradoras e cohesionadoras do territorio, insuficientemente desenvolvidas constitucionalmente, xera graves riscos respecto da sustentabilidade, en relación á suficiencia alimentaria, hidráulica, enerxética e a mesma calidade ambiental daqueles que residen nas cidades. Por iso, o recoñecemento efectivo do papel que xogan os municipios de menos de 20.000 habitantes, na xestión e conservación do territorio, deberase vincular á revisión do gasto e investimento público, así como do funcionamento, representación e réxime de financiamento das Deputacións Provinciais, condicionándose por criterios constitucionais de xustiza social, vertebración do territorio e igualdade de oportunidades entre o medio rural e o urbano.
O protagonismo dos gobernos provinciais, non só é acorde coas demandas dos cidadáns que residen no mundo rural e dos que o fan en zonas máis poboadas pero necesitadas de colaboración supramunicipal, senón que vén tamén lexitimada polo marco xurídico constitucional español. O disposto nos artigos 137 e 141.2 da Constitución foi interpretado polo Tribunal Constitucional, no sentido de pór de manifesto que as institucións provinciais constitúen ou teñen ao seu cargo "compoñentes esenciais cuxa preservación se xulga indispensable para asegurar os principios constitucionais".
Os gobernos provinciais supoñen un gasto público eficiente e necesario, por canto:
• As deputacións provinciais son institucións saneadas. Cumpren cos prazos de pagos a provedores e contratistas. Todas presentan un período medio de pago a provedores na contorna de 30 días ou menos, e mesmo 17 delas pagan antes dos 30 días.
• A débeda das deputacións representa o 8% da débeda de todas as entidades locais e o 0,3% do PIB nacional.
• As Deputacións Provinciais destinan aos seus gastos de funcionamento unha porcentaxe inferior ao das outras administracións públicas.
Considerando plenamente lexitimados os gobernos locais intermedios, entendemos, desde a perspectiva de gobernos locais, a necesidade de afrontar a modernización da Administración pública española, incluídas as deputacións co obxectivo posto no mellor desenvolvemento das súas competencias, prioridades e optimización na xestión dos recursos, orzamento e emprego público.
A estrutura político-administrativa dos gobernos locais intermedios españois, continuará sendo unha xestión pública eficaz e transparente ao servizo dos cidadáns da provincia, afondando na mellora dos servizos, e a calidade de atención, a eficiencia do orzamento, e no carácter regulado da súa actuación, especialmente aquelas materias onde non só é legal e posible, senón socialmente necesario fomentar a concorrencia competitiva, singularmente na actividade contractual e a de fomento.
Así mesmo seguimos defendendo que os gobernos locais intermedios son os idóneos, desde unha óptica de capacidade autónoma para xestionar políticas propias, no ámbito das súas competencias, por iso, non podemos deixar de expor a necesidade de mellora dun novo marco de financiamento local, non só para as provincias, senón tamén para os municipios. Os gobernos locais non deben seguir sendo os sacrificados en adoptar as medidas orzamentarias e financeiras necesarias, como consecuencia do cumprimento das esixencias da Unión Europea para o Estado Español.
Dalgunha maneira, a sociedade española recoñece a contribución dos gobernos provinciais como gobernos locais intermedios á inmensa transformación do mundo rural do noso país, pero, á vez, demándanos, en función das novas circunstancias de toda orde que concorren no momento actual, que se afronte a necesidade de avanzar cara á elección directa das corporacións provinciais, para que esta concentre os seus esforzos no aspecto esencial que xustifica a existencia das Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares.
Nun momento crucial en que a UE traballa na repartición de fondos contra o despoboamento, entendemos que, pola exitosa traxectoria de xestión que nos avala e o coñecemento da problemática rural, debemos ser os xestores dos devanditos fondos.
Igualmente, as corporacións locais reivindicamos a participación no Consello de Política Fiscal e Financeira e abrir o debate do financiamento das entidades locais, ao mesmo tempo que o das comunidades autónomas.