Manuel Baltar recibe no Pazo Provincial a Javier Etcheverría e Juan Carlos Escotet, presidente e vicepresidente de Abanca
- Na reunión, o presidente do goberno provincial e os directivos da entidade bancaria analizaron os programas de colaboración que desenvolven a Deputación e Abanca na provincia de Ourense, entre eles o Plan "Activamos Transforma Ourense" e o proxecto "Provincia Intelixente".
Ourense, 28 de novembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu esta tarde no seu despacho do Pazo Provincial ao presidente e vicepresidente de Abanca, Javier Etcheverría, e Juan Carlos Escotet, respectivamente, acompañados polo CEO da entidade, Francisco Botas, polo director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, e polo conselleiro de Abanca Pedro López. Na reunión, o presidente do goberno provincial e os directivos da entidade bancaria analizaron os programas de colaboración que desenvolven na actualidade as dúas entidades na provincia de Ourense, entre os que destaca o Plan "Activamos – Transforma Ourense", que pon a disposición de familias, autónomos, empresas e corporacións locais 37 millóns para afrontar novos proxectos e contribuír á mellora socio-económica da provincia de Ourense.
Na xuntanza, tamén analizaron temas referidos á innovación tecnolóxica e ao proxecto "Provincia Intelixente", creado por Manuel Baltar, e que ten como finalidade impulsar en todo o territorio provincial "unha auténtica rede, coa tecnoloxía como aliada, que permita unha eficiencia modélica en competencias municipais que exercemos vía delegación, como poden ser a recollida de residuos, a xestión da auga ou a tele-asistencia, entre outros ámbitos de xestión", expresou o presidente provincial. O proxecto "Provincia Intelixente" é unha iniciativa de vangarda tecnolóxica pola que a provincia de Ourense ten sido destacada en foros nacionais e internacionais.
Ademais destes asuntos, na reunión entre Baltar e os directivos de Abanca estiveron presentes temas sobre os sectores agroalimentario e vitivinícola da provincia de Ourense; a "Ourense ICC Week", a Semana das Industrias Culturais e Creativas, que anualmente organiza a Deputación de Ourense, un evento que converte á provincia de Ourense na capital da creatividade e das tendencias de vangarda no ámbito audiovisual; e finalmente analizaron o feito de que Ourense será sede e provincia fundadora do Consello Europeo de Economía Sostible (European Sustainable Economy Council), unha asociación permitirá a cidadáns, empresas e administracións da Unión Europea ter maior presenza nas políticas medioambientais e participar activamente nos ámbitos da "economía verde", favorecendo a posta en marcha de proxectos empresariais e sociais que avancen na cultura da sostibilidade.