Manuel Baltar destaca, no acto de entrega do XXXV Premio "Blanco Amor", o papel dos concellos, "alicerces da nosa identidade, lingua e cultura"
- O presidente da Deputación de Ourense remarcou que é aos gobernos provinciais aos que lles corresponde "coordinar e apoiar esa fervenza de creatividade, ese potencial de cultura, do ámbito local".
- Sobre o premiado, Miguel Anxo Fernández, Manuel Baltar destacou que é un ourensán "coñecido polo seu inxente labor no eido do cine galego, desde os comezos do cineclubismo no Carballiño, e incansable comunicador e crítico".
- O xurado destacou da obra galardoada, Blues para Moraima, "a axilidade narrativa, o tratamento histórico e a introdución do tema do cine e a TV como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa ao lector", e remarcou "o punto de vista sobre o exilio e a vivencia artística desde a diáspora, factor de coincidencia coa biografía de Eduardo Blanco Amor".
Ourense, 1 de decembro de 2016.- O escritor, ensaísta e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) recibiu esta tarde no Liceo de Ourense o XXXV Premio de Novela Longa "Eduardo Blanco Amor", pola súa obra Blues para Moraima. O certame, dotado con 12.000 euros e unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, está organizado pola Deputación de Ourense e "existe grazas á xenerosidade dos concellos galegos que o viñan organizando, labor que agora desenvolve a Deputación, pero que segue a ser o premio dos concellos de Galicia", expresou no seu discurso o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen felicitou a Miguel Anxo Fernández destacándoo como "un ourensán coñecido polo seu inxente labor no eido do cine galego, desde os comezos do cineclubismo no Carballiño, incansable comunicador e crítico recoñecido, doutor en Comunicación audiovisual pola Universidade de Vigo e docente da súa especialidade na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra".
O xurado do premio elixiu por maioría a obra Blues para Moraima de entre 22 novelas presentadas ao premio, subliñando "a axilidade narrativa, o tratamento histórico dunha época e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa ao lector". Asemade, o xurado destacou "o punto de vista sobre o exilio e a vivencia artística desde a diáspora, factor de coincidencia coa biografía de Eduardo Blanco Amor", e expresa a súa satisfacción polo mantemento deste premio grazas á Deputación de Ourense, "contribuíndo de xeito decisivo á súa consolidación".
Fundación "Blanco Amor"
No acto, que contou con representantes dos ámbitos institucional, social e cultural, Manuel Baltar remarcou que Ourense "forma parte substancial dos centos de páxinas xornalísticas e literarias que Eduardo Blanco Amor nos legou, e no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" custódianse algúns dos seus orixinais, o arquivo, a biblioteca, obxectos persoais, o valioso legado do escritor a disposición de investigadores". Asemade, Baltar avanzou que neste mesmo centro cultural "estará a Fundación "Eduardo Blanco-Amor", cuxos estatutos vimos de aprobar no pasado pleno da Deputación, o que nos permitirá dar maior relevo á figura e á obra de tan ilustre ourensán".
Manuel Baltar dixo que esta fundación "nace con vontade integradora, para unir e aglutinar esforzos, para afondar no estudo" e "para que desde os diversos mundos blancoamorianos, da poesía á novela, da fotografía ó ensaio, da prosa literaria ao verbo de combate e reflexión nos xornais, seus saberes brillen con intensidade e cheguen ás novas xeracións".
Tamén tivo palabras de recoñecemento o presidente do goberno provincial para os concellos, "que foron e seguen sendo alicerces, non só deste premio senón da nosa identidade como pobo, da nosa lingua e da nosa cultura. O propio, o noso, pasa polo poder local. As iniciativas xorden nos concellos, non só nas grandes cidades e vilas, senón nas pequenas corporacións rurais", e enfatizou que a quen lle corresponde "coordinar e apoiar esa fervenza de creatividade, ese potencial de cultura, é aos gobernos provinciais".
Baltar lembrou que as provincias "non son só circunscricións electorais. Son territorios cun goberno que defende unha visión integral de conxunto, como fica demostrado en provincias e seus gobernos en Europa, onde esta deputación conta con protagonismo de seu na organización de provincias europeas".
Manuel Baltar expresou que a Deputación de Ourense "ten asumido o seu papel de motor da actividade cultural. Tal acontece nunha provincia cultural, creativa e emigrante como a nosa. Velaí o papel estratéxico desta administración e da súa cámara de representación política. E é que a administración autonómica dificilmente pode por si soa atender necesidades da cultura de base, a colectivos que esixen proximidade e coñecemento cabal da complexa realidade social na que actúan".
Por elo, Baltar afirma que o aumento de autogoberno pasa, no caso de Galicia pola reformulación provincial. O desenvolvemento e avance da autonomía, aló menos no noso modelo, que como se ten comprobado ó longo de décadas nada ten que ver con posturas excluíntes, radicalismos mimeticamente copiados doutras realidades diferenciadas". "O Estado das Autonomías, que as provincias e deputacións crearon con protagonismo de seu arbitrará novas canles de cooperación e distribución", destaca Manuel Baltar.
"Só desde a base, desde os poderes local e provincial, poderemos avanzar no autogoberno, asentarnos no galeguismo político, único xeito de consolidar modelo: unha nación cultural na que autoidentificarnos, solidaria e unida ao resto dos pobos de España, proxectada ao mundo a través das nosas comunidades emigradas", expresou o presidente provincial.
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández dixo sentirse "emocionado e agradecido" por recibir este galardón, e destacou que a novela Blues para Moraima "transcorre en dous mundos, un centrado na Guerra Civil, na diáspora e no exilio e outro, que conta a historia dun vello cineasta exiliado que está a traballar nunha serie de memoria histórica".
Homenaxe a Blanco Amor
Por outra banda, esta mañá, con motivo do 37º cabodano do pasamento de Eduardo Blanco Amor, autoridades e persoeiros do mundo da cultura galega, renderon homenaxe ao escritor ourensán, nun acto de lembranza no cemiterio de San Francisco. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández destacou na súa intervención o labor que realiza o goberno provincial para "reivindicar a obra e figura do escritor que inmortalizou Auria coa súa obra. Entre as moitas actividades que a Deputación de Ourense leva a cabo para poñer en valor a súa obra, cabe destacar que a institución provincial garda o arquivo e a biblioteca de Blanco Amor, promoveu a colocación do monumento a Blanco Amor nos xardíns do Bispo Cesáreo, cando se cumpriron 50 anos da publicación da Esmorga, a Deputación de Ourense fixo unha edición masiva desta obra e distribuína polos diferentes centros escolares da provincia e estivo presente na tradución desta obra ao inglés".
Esta tradicional ofrenda floral na campa onde está soterrado o autor de A Esmorga é un evento que se celebra desde o ano 2004. Nesta XIV xornada de homenaxe a Blanco Amor tamén participaron o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez, e alumnos do IES "Blanco Amor", que celebra o seu 50º aniversario.
Biografía de Miguel Anxo Fernández
Miguel Anxo Fernández é mestre, licenciado en Xeografía e Historia. É profesor de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Ademais de dedicarse á docencia é autor de numerosas obras de historia do cine galego e de obras de ficción, así como ensaios e colaboracións en numerosas publicacións. É membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega; coordinador do programa Audiovisual nas Aulas para o Consorcio Audiovisual de Galicia, e membro do xurado do Premio Ourensanía.
Entre os premios que ten acadado figuran o 1º Premio ex-aequo no Certame Historia da Galicia Cinematográfica (1993), promovido pola Federación de Cineclubes de Galicia; o premio "Sempre en Galiza" de ensaio, polo libro As imaxes de Carlos Velo (2001); o premio honorífico "Fernando Rey" na V Edición dos Premios AGAPI (2001); o premio "Chano Piñeiro" de Historia da Galicia Cinematográfica polo libro A Bella Otero, pioneira do cine (2002); o premio "Manuel García Barros" (2003) pola novela Un nicho para Marilyn; a IInsignia de Ouro das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, Xociviga (2009), e o Premio "Cultura Galega de Creación Audiovisual" da Xunta de Galicia no 2012, entre outros galardóns.