Manuel Baltar: "A Constitución é a panca de desenvolvemento de Galicia, lei de leis que consolida e recoñece ás provincias e aos seus gobernos provinciais: as deputacións"
- Ourense celebrou o acto conmemorativo do 38º aniversario da Carta Magna e o 33º Concurso da Constitución, que premiou a alumnos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e FP de centros escolares da provincia.
Ourense, 7 de decembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe a importancia da Constitución española cualificándoa como "a panca de desenvolvemento de Galicia, a lei de leis que consolida e recoñece ás provincias e aos seus gobernos provinciais: as deputacións". O presidente do goberno provincial participou no tradicional acto oficial que cada ano se celebra no auditorio municipal de Ourense para conmemorar a efemérides da Carta Magna e para recoñecer os traballos escolares premiados no 33ª Concurso da Constitución, polos que foron galardoados alumnos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e FP de centros educativos da provincia de Ourense.
Manuel Baltar,quen participou na entrega de premios a escolares xunto ao subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro: o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e outras autoridades, subliñou que a Constitución "segue sendo a mellor ferramenta para o progreso do país, un documento tan Intelixente que mesmo regula o procedemento para reformarla mediante a palabra máis positiva que existe: consenso".
Baltar destacou como valores superiores do noso ordenamento xurídico "a libertade, a igualdade, a xustiza e o pluralismo político", e remarcou que dende 1978 "España conta cunhas regras de xogo que debuxan un país rico e diverso, consolidado no grupo das nacións mais importantes do mundo".
Asemade, afirmou que a Constitución "é o tesouro que nos legou a transición, panca para o desenvolvemento de Galicia e lei de leis que consolida e recoñece as provincias e os seus gobernos: as deputacións", e que a Carta Magna "merece un homenaxe permanente. Todo coa Constitución é nada sen ela. Desde Ourense, a nosa lealdade a este impresionante monumento creado pola sociedade española".
A Subdelegación do Goberno en Ourense convocou un ano máis o Concurso da Constitución conmemorando o seu aniversario. O lema para esta XXXIII edición foi: "Do Goberno e da Administración", Título IV. Neste concurso participaron estudantes dos niveis educativos de infantil e primaria, ensino secundario obrigatorio, bacharelato, educación especial, e ciclo medio de formación profesional, tanto de centros de ensino xeral e formación profesional públicos como concertados e privados da provincia de Ourense.