A Deputación destina 400.000 euros ao programa "ChegOU", de axudas á natalidade
Ourense, 23 de decembro de 2016.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá aprobou as bases reguladoras do Programa ChegOU para a concesión de axudas para o fomento da natalidade da provincia de Ourense. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 23 de decembro.
As axudas van dirixidas aos proxenitores ou adoptantes dun neno menor dun ano, nacido no ano 2017 ou no último trimestre de 2016, inscrito nalgún rexistro civil da provincia de Ourense, e que cumpra os seguintes requisitos: figurar empadroado nalgún concello da provincia de Ourense cando se solicite a axuda, así como ter unha antigüidade no empadroamento, polo menos, dun ano ininterrompido e anterior ao 1 de xaneiro do ano 2017, no caso de nacer no vindeiro ano, mentres que para os nacidos no último trimestre de 2016, deberán ter unha antigüidade no empadroamento de dous anos inmediatamente anteriores á data do nacemento do menor.
Para o financiamento deste programa destínanse 400.000 euros, sendo as axudas de ata 300 euros por neno nacido ou adoptado. Ademais, as persoas que resulten beneficiarias da axuda recibirán a súa tarxeta electrónica "ChegOU", que poderán usar en farmacias e parafarmacias para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde.
En materia de cooperación con entidades da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para a Capela Madrigalista de Ourense por importe de 1.500 euros para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2016. Para o Club Deportivo Xadrez Ourense, unha axuda de 1.600 euros para a súa promoción en varios concellos da provincia de Ourense; para o Clúster da Pizarra de Galicia, unha axuda de 25.000 euros destinada ao plan de promoción que desenvolve a nivel internacional para a promoción deste produto en Europa; para a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Serra da Encina de Biobra, no termo municipal de Rubiá, unha axuda de 10.000 euros para o arranxo do centro socio comunitario que precisa actuacións encamiñadas a mellorar a estanqueidade do edificio e labores de mantemento.
Neste mesmo apartado, na xuntanza aprobáronse dúas axudas para o Liceo de Ourense, unha delas por importe de 25.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade no ano 2016, e a outra axuda de 6.000 euros destinada á adquisición de vestiarios para compoñentes da coral. Para a Confederación Empresarial de Ourense concedeu unha axuda de 50.000 euros para o desenvolvemento de diversas accións empresariais provinciais e gastos de funcionamento da entidade correspondentes a este ano. Para a Federación Galega de Balonmán, unha axuda de 1.002 euros para a promoción deste deporte, en concreto para a escola deportiva desta disciplina no Concello de Maside. E, para o Pen Club de Galicia, unha axuda de 30.000 euros para a celebración do Congreso Internacional de Escritores.
Por último, na reunión aprobouse a ratificación do convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e Deputación de Ourense para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no Campus de Ourense, polo que o goberno provincial concede unha axuda que ascende aos 185.000 euros para esta finalidade.
No relativo á cooperación cos concellos da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda ao Concello de Beariz de 5.448 euros destinada a obras de instalacións fotovoltaicas na casa do concello e no centro de ensino. Para o Concello de Punxín aprobou unha axuda por importe de 5.834 euros para gastos de transporte colectivo de persoas dependentes correspondentes ao ano 2016; para o Concello de Ribadavia, unha axuda de 35.000 euros para a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2015; para o Concello de Taboadela, unha axuda de 15.000 euros destinada á adaptación dos velorios das localidades de Pereiras e Torán.
Nesa mesma liña, na xuntanza aprobouse unha axuda para o Concello da Gudiña de 40.000 euros para a construción dunha pista polideportiva; para o Concello de Melón, unha axuda de 18.150 euros para a redacción dun proxecto técnico para a rehabilitación do Mosteiro; e para o Concello de Vilamartín de Valdeorras, unha axuda de 9.000 euros para o acondicionamento da praza Cernego.
Así mesmo, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou catro convenios de cooperación, tres deles co Consorcio de Augas de Valdeorras en materia de abastecemento, saneamento e depuración; e o outro convenio cos concellos de Punxín, Cenlle e San Amaro, para a prestación de asistencia para a xestión das instalacións de abastecemento en Alta Razamonde-San Trocado, durante o primeiro semestre de 2017.
Por último, aprobouse a expropiación forzosa para a execución da obra de explanación e afirmado de cuñas na OU-0214, no municipio de Ramirás.