María Solar e Carlos Montero, protagonistas das "Tertulias literarias" para escolares

Compartir

  • O evento, que está organizado pola Deputación e o Concello de Ourense, terá lugar no Liceo, e nesta edición analizaranse as obras As horas roubadas e El desorden que dejas.

Ourense, 31 de xaneiro de 2017.- O Liceo de Ourense acollerá "Tertulias literarias" dirixidas a escolares de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e de Bacharelato. Estes faladoiros literarios organizados pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense, analizarán dúas obras: a primeira delas, os días 1 e 2 de febreiro, trátase da obra en galego de María Solar, As hora roubadas; e a segunda obra, en castelán é El desorden que dejas, de Carlos Montero, os días 26 e 27 de abril. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; a concelleira de Educación do Concello de Ourense, Belén Iglesias; e a coordinadora do programa, Sara Dacal.

En canto aos obxectivos desta actividade iniciada en 2007, Rosendo Fernández, dixo que pretende "fomentar a lectura comprensiva e crítica", ao que engadiu, Belén Iglesias, "a comprensión oral, a expresión oral, a coordinación espazo temporal á hora da lectura, ademais da socialización", e destacou o valor didáctico desta iniciativa. Sara Dacal agradeceu o "traballo voluntario que realizan os profesores en horario non lectivo porque son varias as reunións que temos previamente para escoller as obras, así como os temas a tratar en cada tertulia".

Nesta edición participarán alumnos procedentes de once centros educativos da provincia de Ourense: IES O Couto, IES Prieto Nespereira, IES Ferro Couselo, IES As Lagoas, IES U. Laboral, IES O Ribeiro, IES San Mamede, IES Allariz, IES Lagoa de Antela, IES Cidade de Antioquía, e o IES Blanco Amor. "O ano pasado participaron 320 alumnos entre as dúas tertulias", destacou Sara Dacal. Os alumnos que participan neste iniciativa pertencen aos cursos de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato.