10.000 persoas visitaron a exposición "Pop art icons" no Centro Cultural "Marcos Valcárcel"
- Uns 2.000 escolares de 33 centros educativos achegáronse á mostra, unha das máis visitadas deste recinto expositivo.
Ourense, 20 de febreiro de 2017.- Preto de 10.000 persoas persoas visitaron a exposición "Pop art icons" que se pechou o pasado domingo no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, conformándose como unha das mostras máis populares da vida deste recinto. Nesta exposición, o Centro Cultural e a Fundación "Cum Laude" fixeron un especial esforzo para poder contar con guías especializadas que puideran facer unha visita máis en detalle ao redor dos traballos de artistas como Andy Warhol, Keith Haring, Roy Lichtenstein, Robert Indiana ou Steve Kaufman, entre outros. O labor das guías estivo centrada en atender as visitas de escolares procedentes da provincia de Ourense e doutros puntos de Galicia, en horario de mañá, e pola tarde, todos había unha visita guiada para o público en xeral.
A resposta dos centros educativos foi especialmente satisfactoria. Un total de 33 colexios trouxeron diferentes grupos de escolares á exposición. Foron 1.938 alumnos, que coñeceron máis polo miúdo os secretos do pop art, distribuídos en 59 grupos de diferentes idades. Viñeron escolares de Trives, Xinzo, Xunqueira de Ambía, Nogueira de Ramuín, Maceda, A Rúa, Chantada ou Salvaterra, entre outros, o que serviu tamén para achegar o mundo da arte ás contornas rurais.
Pop Arta Icons é a segunda parte dun proxecto expositivo que tivo a súa orixe na mostra Pure Pop Art, realizada tamén no centro cultural "Marcos Valcárcel" como resultado da colaboración entre a Deputación de Ourense, a fundación Cum Laude e MBA, propietarios desta colección.