Baltar reúnese co presidente da Asociación de produtores de aceite de oliva de Galicia
- Na actualidade, esta entidade está a tramitar o expediente para a declaración como denominación de orixe "Aceite e Aceituna de Galicia".
Ourense, 10 de marzo de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial co presidente da Asociación de produtores de aceite de oliva de Galicia (APAG), o ourensán José Antonio García, a quen lle confirmou o apoio da institución provincial a este sector da economía agraria ourensá. Na actualidade, esta asociación atópase nun momento importante da súa traxectoria xa que está a tramitar o expediente para a declaración como denominación de orixe protexida "Aceite e Aceituna de Galicia", "unha boa noticia -expresou Manuel Baltar- porque os avances en promoción e acreditación poden contribuír a impulsar o labor que se leva a cabo neste sector da actividade agraria".
Baltar ofreceulle a colaboración da Deputación de Ourense, poñendo a disposición desta asociación o Inorde e o Centro Cultural "Marcos Valcárcel", como tamén o Centro de Investigacións Agro-gandeiras, para a organización de xornadas informativas e técnicas.
A Asociación de produtores de aceite e oliva de Galicia (APAG) aglutina a 68 produtores das catro provincias galegas, que contan con preto de 100.000 olivos distribuídos en 76 hectáreas. Na provincia de Ourense os produtores localízanse principalmente en Castrelo, O Carballiño e O Barco de Valdeorras, "aínda que os temos contabilizados practicamente en case todos os concellos", afirma José Antonio García.
APAG creouse no ano 2015 co obxectivo de reunir nun mesmo organismo aos produtores de aceite e aceituna de Galicia, ofrecéndolles asesoramento técnico relativo aos procesos do aceite de oliva, desde a plantación de olivos ata a recollida da aceituna.