Manuel Baltar e Núñez Feijóo acordan obras de infraestruturas para a provincia de Ourense

Compartir

  • Na reunión de máis de dúas horas que mantiveron na sé da Xunta acordaron un plan de infraestruturas deportivas e un programa de obras de mellora en centros educativos, así como seguir desenvolvendo o Plan "Ourense, a provincia termal".

  • O presidente da Deputación púxose a disposición da Xunta de Galicia e dos concellos da capital ourensá e da súa contorna para axilizar a posta en marcha do transporte metropolitano.

  • Baltar e Feijóo falaron do centro de atención a discapacitados de máis de 21 anos, que está previsto ubicar na cidade de Ourense; das obras do AVE e da aposta conxunta de Deputación e goberno galego por potenciar a estación de montaña de Cabeza de Manzaneda.

Ourense, 20 de marzo de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo hoxe na sé da Xunta de Galicia, en Santiago, unha reunión co presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, con quen acordou a realización de obras de infraestruturas para a provincia de Ourense. En concreto, na reunión de máis de dúas horas que mantiveron en San Caetano, acordaron un plan de infraestruturas deportivas, por importe dun millón de euros, e un programa de obras de mellora en centros educativos, no que se investirán 600.000 euros, así como seguir desenvolvendo o Plan "Ourense, a provincia termal", e axilizar os trámites do expediente BIC "Ribeira Sacra", como paso previo á declaración de Patrimonio Mundial pola Unesco.

Asemade, o presidente da Deputación de Ourense púxose a disposición da Xunta de Galicia e dos concellos da capital ourensá e da súa contorna para axilizar a posta en marcha do transporte metropolitano, e na axenda de traballo dos dous presidentes figurou tamén o centro de atención a discapacitados de máis de 21 anos, que está previsto ubicar na cidade de Ourense; as obras do AVE e a aposta conxunta de Deputación de Ourense e goberno galego por potenciar a estación de montaña de Cabeza de Manzaneda. Neste último ámbito, analizaron o expediente referido aos canóns de innivación e o proxecto de futuro de crear un centro de tecnificación deportiva na dita estación de montaña.

Outros temas abordados na reunión foron a conversión do complexo recreativo de Monterrei en parque acuático, a construción dun ximnasio municipal en Laias, e o procedemento para desbloquear no ámbito urbanístico a parcela na que se situará o futuro balneario da cidade de Ourense.

Ao remate da reunión, Manuel Baltar dixo que este encontro "enmárcase dentro das relacións de cooperación que mantemos os gobernos autonómico e provincial, encontro no que repasamos todos os asuntos relacionados con ese labor de colaboración, que se teñen materializado nos últimos meses en convenios como o dos accesos au CHUOU, un centro hospitalario que se converterá nun dos hospitais de vangarda en España, ou mesmo o convenio que asinamos para realizar obras de mellora en centros educativos, ou a aposta polo Plan termal provincial, que a día de hoxe se atopa executado nun 50 % e que supón unha das cuestións estratéxicas da provincia de Ourense". Baltar afirmou que foi un encontro "cooperador e colaborador" entre dúas administracións, "na procura do mellor para os intereses da provincia de Ourense".