A Deputación de Ourense, primeira institución pública de España que implantará un sistema para avaliar a transparencia en tempo real

Compartir

Este innovador método, desenvolvido por Dyntra, permitirá coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coa transparencia e dereito ao acceso á información, dos entes obrigados por lei na provincia ourensá.

O sistema permitirá tamén a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España.

Manuel Baltar afirma que este é "un paso moi importante na estratexia de goberno aberto e boas prácticas na gobernanza que está a desenvolver o goberno provincial, e que se materializará con esta ferramenta innovadora e pioneira para afondar no noso compromiso como goberno referente en transparencia e participación cidadá".

Dúas administracións públicas no mundo, a Deputación de Ourense e o Estado de Nova York, serán pioneiras neste sistema, que consolida o concepto de auditoría social e transparencia participativa.

Ourense, 22 de marzo de 2017.- A Deputación de Ourense será a primeira institución pública do Estado en implantar o sistema de "Auditoría Social da Transparencia", un método que permite avaliar a transparencia na xestión en tempo real. Esta innovadora ferramenta, desenvolvida por Dyntra -a plataforma global da Sociedade Civil para a Transparencia e Rendición de Contas das Institucións-, permitirá coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito ao acceso á información de todos os entes obrigados por lei na provincia de Ourense. Ademais, permitirá a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou hoxe, trala reunión mantida no Pazo Provincial con Juan Manuel Roa, presidente da Asociación Transparencia Pública, que o goberno provincial implantará este sistema, "que supón un paso moi importante na estratexia de goberno aberto e boas prácticas na gobernanza que está a desenvolver a Deputación de Ourense, e que se materializará con esta ferramenta innovadora e pioneira para afondar no noso compromiso como goberno referente en transparencia e participación cidadá".

Só dúas administracións públicas no mundo, a Deputación de Ourense e o Estado de Nova York, serán pioneiras neste sistema, que consolida o concepto de auditoría social e transparencia. "Trátase dunha ferramenta aberta a toda a cidadanía e sumamente participativa, que supón unha innovación, xa que ningunha entidade pública en España conta con este sistema para avaliar a transparencia", afirma Manuel Baltar, quen remarca, segundo confirmou o propio presidente de Transparencia Pública, que Ourense "convértese na primeira provincia no ámbito mundial que vai contar con este instrumento, que medirá e avaliará a transparencia das institucións públicas da provincia de Ourense, unha iniciativa que se enmarca na estratexia de "Provincia Intelixente", de participación cidadá e de goberno aberto, que forma parte da estrutura orgánica desta deputación".

Esta tecnoloxía desenvolvida por Dyntra conta co aval de ser a primeira plataforma global da Sociedade Civil para a Transparencia e Rendición de Contas das Institucións. É pioneira en España e está a ser utilizada para medir a transparencia no Estado de Nova York de 2.280 entidades gubernamentais. Ademais, está homologada pola Organización Internacional Open Government Partnership, formando parte do OGP Toolbox como a primeira ferramenta de ámbito mundial que consolida o concepto de auditoría social e a transparencia participativa.

Desta maneira, Manuel Baltar aposta por un modelo de transparencia innovador, avanzado e que incorpora aos cidadáns e aos actores sociais como principais protagonistas das políticas públicas, reforzando así seu compromiso coa filosofía de "goberno aberto". "A transparencia é o vehículo cara unha deputación máis aberta, un modelo máis participativo e unha maior integración de institucións, sociedade civil e cidadáns nas cuestións fundamentais que nos afectan a todos e nos procesos de toma de decisións".

A Deputación de Ourense, que ocupa o 5ª posto no Ranking nacional, que avalía a 38 deputacións provinciais, aspira a liderar os procesos de transformación e apertura que se están producindo hoxe en día nas administracións públicas españolas coa chegada das tecnoloxías sociais, sendo a implantación desta ferramenta de avaliación dinámica da transparencia pública un paso máis sobre o que asentar a relación do goberno provincial cos cidadáns.