O I Foro Social Provincial pon en valor o labor que realizan as entidades sociais de Ourense
- No evento, organizado pola Deputación de Ourense, participan 24 organizacións sen ánimo de lucro para dar conta das súas experiencias, proxectos e ámbitos de cooperación.
- Esta iniciativa, ten a súa orixe no Consello Social Provincial, "que nace coa vocación de xerar un espazo de diálogo e interacción das entidades sociais da provincia de Ourense", afirma Manuel Baltar.
Ourense, 4 de abril de 2017.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu hoxe o primeiro Foro Social Provincial, que organiza a Deputación de Ourense co obxectivo de visibilizar o labor que realiza o tecido asociativo da provincia de Ourense. No evento participaron 24 organizacións sen ánimo de lucro distribuídas en mesas temáticas referidas a temas de inclusión e integración social, programas de apoio no rural e emerxencias básicas. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou no acto que o obxectivo do foro é "dar visibilidade ao traballo altamente profesionalizado e innovador que desenvolven as asociacións da nosa provincia, para trasladalos a diferentes ámbitos profesionais dos Servizos Sociais".
O Foro Social Provincial ten a súa orixe no Consello Social Provincial recentemente constituído, "un proxecto incluído no Plan Ourense 15-19, que nace coa vocación de xerar un espazo de diálogo e interacción das entidades que operan no ámbito social na provincia de Ourense, un ámbito que xa deu mostra da súa eficacia en canto que as achegas que se fixeron", explicou Manuel Baltar.
O Foro contou coa asistencia de preto de 200 persoas procedentes de 24 asociacións sen ánimo de lucro e de administracións locais da provincia de Ourense. A filosofía deste encontro, pioneiro no territorio nacional, "é poñer en común experiencias e o labor que levan a cabo estas organizacións, e supón tamén un preludio do acto nacional que estamos a coordinar co Ministerio de Sanidade e que celebraremos en Ourense para poñer en valor o moito que se fai na nosa provincia no ámbito dos servizos sociais", expresou Manuel Baltar.
O Foro pretende tamén establecer novos mecanismos de colaboración e coordinación entre as entidades sociais e os Servizos Sociais comunitarios dos 92 concellos da provincia.
Manuel Baltar estivo acompañado no acto pola deputada provincial de Igualdade e Ciclo de Vida, Teresa Cerdeira, e polo director da Área de Benestar da Deputación de Ourense, Jose Juan Cerdeira.
Na xornada, as asociacións expuxeron as experiencias que están a desenvolver neste ámbito, intervencións que se desenvolveron en seis mesas con temáticas:
• Unha perspectiva dende o rural: programas de apoio, coordinada por Cruz Vermella Ourense e na que participaron o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso e o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas.
• Axudando a continuar: reintegración social, coordinada pola Asociación para a prevención da educación social (APES), e coa participación de Atox, Comité Cidadán Antisida de Ourense e Asociación Arraianos.
• Apoio Social en entornos familiares, coordinada pola Asociación RedMadre Ourense e na que participaron a Asociación ARELA, FEMURO e a Fundación de solidariedade Amaranta.
• Impulsando a inclusión e a integración, coordinada pola Asociación de Familiares e Enfermos Mentais AFEM Morea, e na que participaron a Asociación de persoas xordas de Ourense, a Asociación de persoas con Discapacidade de Ourense, e a Federación Provincial de Asociacións de persoas con discapacidade Física de Ourense.
• Promoción social, información e apoio ante diferentes patoloxías, coordinada pola Asociación de Familiares enfermos de Alzheimer Ourense (AFAOR), e na que participaron a Asociación de Autismo de Ourense, a Asociación Dano Cerebral Adquirido, a Asociación Española contra o Cancro de Ourense, e a Asociación Diabética AURIA.
• Emerxencias Básicas: A resposta inmediata das entidades sociais provincias, coordinada pola Asociación Banco de Alimentos de Ourense, e coa participación de Cáritas Diocesana de Ourense, Sociedade de San Vicente Paúl, e a Fundación Juan Soñador.