Presentación do Sorteo Especial "Cruz Vermella" da Lotería Nacional

Compartir

  • O acto tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.

Ourense, 4 de abril de 2017.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación acolleu esta mañá a presentación do Sorteo Especial "Cruz Vermella" da Lotería Nacional, que terá lugar o vindeiro sábado, 8 de abril, ás 13.00 horas, na Praza Maior de Ourense. No acto participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente provincial de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o director de Relacións Institucionais de Loterías e Apostas do Estado, Manuel Gómez.

Rosendo Fernández lembrou que o sorteo, xa tradicional no calendario da Lotería Nacional, "comezou a súa andaina en 1924 e, ano tras ano, celebrouse puntualmente. Trátase dun sorteo enmarcado no acordo de colaboración entre Loterías e Apostas do Estado e Cruz Vermella Española". Asemade, o vicepresidente da Deputación explicou que este sorteo "será ben recibido por todos os ourensáns para acadar os maiores recursos posibles para así atender os múltiples servizos que presta esta entidade, tan arraigada e querida por todos".

A emisión consta de dez series de 100.000 billetes cada unha, a 120 euros o billete, dividido en décimos de 12 euros. En total distribuiranse en premios o 70% da emisión, é dicir, 84 millóns de euros.