A cooperación entre Deputación e Concello de Ourense desbloqueará 25 proxectos do Plan de Investimentos da cidade, cun importe que supera os 10 millóns de euros
- O cofinanciamento entre ambas administracións permitirá afrontar neste exercicio económico e tamén en 2018 a contratación e execución das obras, todas elas solicitadas por asociacións veciñais da cidade.
- Manuel Baltar puxo en valor a cooperación entre ambas institucións e avanzou que neste mes de abril "levaremos ao pleno da corporación provincial un plan de cooperación co Concello de Ourense, coa modificación orzamentaria correspondente para que se poida executar".
- Jesús Vázquez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e lembrou que froito desta colaboración "puidéronse levar adiante obras como as da rúa Concello ou a Pasarela do Barbaña".
Ourense, 5 de abril de 2017.- A cooperación entre a Deputación e o Concello de Ourense desbloqueará 25 proxectos do Plan de Investimentos da cidade, cun importe total de 10.272.950,77 euros. Unha colaboración que permitirá afrontar, neste exercicio económico e tamén no vindeiro (2017-2018), a contratación e execución dos citados investimentos, todos eles solicitados por asociacións veciñais da cidade. O confinanciamento entre ambas administracións permite que este prazo se amplíe ao vindeiro ano, algo que tanto o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, subliñaron como "clave" para poder sacar adiante estas obras, tendo en conta que sen ese confinanciamento todas as obras terían que estar adxudicadas e executadas durante 2017.
Así o expresaron Baltar e Vázquez ao remate da reunión do Comité de cooperación permanente Deputación-Concello de Ourense celebrada hoxe no Pazo Provincial, presidida por Manuel Baltar, quen dixo que a Deputación de Ourense "coopera por medio do cofinanciamento para que se poida levar a cabo o plan de obras do Concello de Ourense, e así llo garantimos ao alcalde". "Nesta liña –engadiu-, aprobaremos un plan de cooperación co Concello de Ourense, iniciativa que levaremos a pleno da corporación provincial deste mes de abril, coa modificación orzamentaria correspondente para que se poida executar", explicou Manuel Baltar. O presidente do goberno provincial destacou que a achega económica da Deputación de Ourense é de 100.000 euros, "unha cifra pequena en comparación co montante global do plan de obras do Concello de Ourense, pero é unha cifra moi necesaria porque sen ese cofinanciamento non se podería executar ningunha das actuacións previstas no plan, que son moi destacadas e froito das demandas e da participación cidadá".
O alcalde, Jesús Vázquez, lembrou que xa en 2015 se articulou este mecanismo de colaboración coa Deputación para poder executar o Plan de Obras herdado do anterior goberno municipal, "cando ninguén apostaba que puidésemos sacalo adiante, e aí están a rúa Concello ou a Pasarela do Barbaña, por citar algunhas das obras que conseguimos adiante gracias á Deputación, institución é que lle agradezo novamente o seu esforzo". O apoio da Deputación de Ourense permitiu desbloquear a execución do Plan de Obras do Concello de Ourense e levar a cabo infraestruturas viarias e obras de accesibilidade e abastecemento por un importe de máis de 1,3 millóns de euros.
Jesús Vázquez cualificou á Deputación de Ourense "como auténtico vórtice do desenvolvemento local", e afirmou que sen o apoio da institución provincial "seríalle imposible a este concello executar estes proxectos, de grande importancia para o presente e o futuro da cidade".
O Comité de cooperación permanente é un órgano único nas súas características no que atinxe á colaboración interinstitucional en España, e ten como obxectivo dinamizar e optimizar os proxectos de interese común para a capital e a provincia, "pois a cooperación entre as dúas institucións debe ser o principal obxectivo, polo ben da cidadanía ourensá e dos servizos públicos que poñemos a disposición dos habitantes da nosa provincia", afirmou Manuel Baltar.
Co fin de incrementar estratexias de desenvolvemento para a cidade, e unha vez examinadas as diferentes posibilidades de actuación, o Concello trasladoulle á Presidencia da Deputación unha solicitude formal para inserir nun Plan Provincial de Cooperación unha serie de obras de execución urxente, inaprazable e inmediata que se estiman de particular interese para a veciñanza de Ourense pola súa significación e clara demanda social. Esta cooperación permitirá afrontar en 2017 e 2018 a contratación e execución dos seguintes investimentos:
P.I. 2016-2017 - OBRAS A COFINANCIAR POLA DEPUTACIÓN DE OURENSE
1-ACONDICIONAMENTO DE VIAL DENDE CEBOLIÑO A URBANIZACIÓN MONTERREY ARRANXO DE VIAL DENDE CEBOLIÑO A URB. MONTERREY
156.426,43 €
2-URBANIZACIÓN RÚA ANTOLÍN LOSADA TROVISCO E PROLONGACIÓN RÚA BIEITO AMADO - RAIRO URBANIZAR RÚA_CONSTRUCCIÓN BEIRARRÚAS_CAMBIO DE CANALIZACIÓNS, SOTERRADO DE REDES E ASFALTADO DO VIAL
727.716,60 €
3-REHABILITACIÓN DE FIRMES E BEIRARRÚAS EN VARIAS RÚAS DE COVADONGA: RÚA JUPITER E OUTRAS REHABILITACIÓN DE FIRMES E MELLORAS NAS BEIRARRÚAS (SEN ACTUACIÓNS IMPORTANTES EN REDES DE SERVIZOS)
855.222,50 €
4-URBANIZACIÓN RÚA MIRADOIRO, E PRIMEIRO TRAMO CAMIÑO DA LEBRE ASFALTADO DE VIAL E CAMBIO DE REDES DE SUMINISTRO DE AUGA, SANEAMENTO
280.000,00 €
5-ACONDICIONAMENTO RÚA VASCO DÍAZ TANCO ACONDICIONAMENTO DE REDES, BEIRARRÚAS E ASFALTADO DO VIAL
453.843,26 €
6-ACONDICIONAMENTO RÚA DA RABAZA ACONDICIONAMENTO DE REDES, BEIRARRÚAS E ASFALTADO DO VIAL
254.001,08 €
7-ACONDICIONAMENTO DE RÚA SALTO DO CAN E RÚA CARBALLO ACONDICIONAMENTO DE REDES, ASFALTADO DE VIAL E CONSTRUCCIÓN DE MURO DE CONTENCIÓN
1.069.805,60 €
8-ACONDICIONAMENTO DE VIAÍS RÚA CASA GRANDE, RÚA DA FONTE E RÚA DA MIRTA ACONDICIONAMENTO DE VIAL
347.271,65 €
9-CONSTRUCIÓN DE BEIRARRÚA E ARRANXO DE VIAL RÚA DA RÁBEDA AS CURUXEIRAS CONSTRUCIÓN DE BEIRARRÚA E ARRANXO DE VIAL
248.792,00 €
10-URBANIZACIÓN DA ZONA DE APARCAMENTO TRAS POLIDEPORTIVO DE OIRA CONSTRUCCIÓN DE BEIRARRÚAS NO ENTORNO DO APARCAMENTO E INSTALACIÓN DE ALUMEADO PÚBLICO
233.242,50 €
11-ACONDICIONAMENTO RÚA BAIXADA Á IGREXA E CAMIÑO DAS FONTES – SANTA MARIÑA REPARACIÓN DO VIAL (FORMIGÓN +ADOQUÍN) + REDES
147.720,25 €
12-AMPLIACIÓN E ACONDICIONAMENTO DE VIAL QUE UNE PRADOBÓ E O PEREIRO ALSFALTADO E ENSANCHE (VIA TIPO 3) DA VÍA (8M)
672.711,25 €
13-ACONDICIONAMENTO DA RÚA VÍA VELLA CONSTRUCCIÓN DE BEIRARRÚAS E ASFALTADO
299.483,37 €
14-RENOVACIÓN DO PAVIMENTO, FIRME E SANEAMENTO NA RÚA RIBEIRA DE CANEDO RENOVACIÓN DO FIRME E INFRAESTRUTURAS
285.000,00 €
15-HUMANIZACIÓN DE RÚA BOA VISTA E RÚA DO SOL - EIROÁS HUMANIZACIÓN DA RÚA (CONSTRUCCIÓN DE BEIRARRÚAS, ASFALTADO, ACONDICIONAMENTO DE REDES)
757.727,14 €
16-INSTALACIÓN DE ELEVADOR NA CRUZ ALTA ELEVADOR EN CRUZ ALTA
932.000,00 €
17-INSTALACIÓN DE ELEVADOR NA RÚA AVILES DE TARAMANCOS (A ALTURA DA PONTE DE ERVEDELO) ELEVADOR EN ENVERDELO
150.000,00 €
18-ACONDICIONAMENTO DE ESPAZOS URBANOS NA CIDADE DE OURENSE, RÚA VÁZQUEZ NUÑEZ RENOVACIÓN DE PAVIMENTOS E DE SERVIZOS
392.000,00 €
19-SOSTEN DE NOIRO (TALUD) NA RÚA SANCHEZ DE ARTEAGA E RÚA ARNOIA SOSTEN DE NOIRO (TALUD)
273.000,00 €
20-ACONDICIONAMENTO TRASEIRAS ROI PAEZ MODIFICACIÓN DO NOIRO (TALUD) E ACONDICIONAMENTO DA ZONA VERDE
200.000,00 €
21 MELLORA DE ACCESIBILIDADE EN RÚA ARIAS PAEZ E ZONA DE INFLUENCIA MELLORA DA ACCESIBILIDADE DOS ESPAZOS ENTRE BLOQUES DE VIVENDAS
200.000,00 €
22-INSTALACIÓN DEPURADORA/FOSA SÉPTICA NO NÚCLEO DE CALVELOS – SANTA CRUZ ARRABALDO INSTALACIÓN DE DEPURADORA/FOSA SÉPTICA PARA TRATAMENTO DE VERQUIDO DO NÚCLEO DE CALVELOS
131.400,00 €
23-RETIRADA FOSA SÉPTICA DA PRAZA DAS FONTES E ACOMETIDA COA REDE XERAL DE RAIRO RETIRAR FOSE SÉPTICA DA PRAZA DAS FONTES E ACOMETER COA REDE XERAL DE RAIRO (APROXIMADAMENTE 1600 ML DE COLECTOR DE PVC 315)
317.550,00 €
24-ELIMINACIÓN DE PUNTO DE VERQUIDO NO REGATO DO CHISRÚA DA MARQUESA - RAIRO CONSTRUCCIÓN REDES SANEAMENTO
186.150,00 €
25-PROXECTO DE REHABILITACIÓN DO PARQUE ALAMEDA DO CRUCEIRO MELLORA E ADAPTACIÓN DO PARQUE INFANTIL DA ALAMEDA DO CRUCEIRO
701.887,14€
IMPORTE TOTAL ESTIMADO 10.272.950,77 €
Esta cooperación xa foi satisfactoria no ano 2015, cando a axuda da Deputación de Ourense foi fundamental para adxudicar e executar obras tan significativas como á rehabilitación da pasarela peonil sobre o río Barbaña (cun investimento de 100.499,56 euros); o acondicionamento e renovación do firme da Praza Eiroás e rúa do Pazo (126.681,85 euros); a rede de abastecemento da Besada – Santa Mariña (128.063,12 euros); a humanización da rúa Concejo (766.124,39 euros); a rehabilitación de firme e adecuación de accesibilidade da rúa Mercado (101.742,56 euros); a humanización da Canella do Barbaña-Pozo do Inferno (234.700,19 euros), que forma parte da Área de Rehabilitación Integral do Polvorín-Camelias-A Carballeira, e a instalación eléctrica para vídeo-vixiancia do polígono empresarial de Seixalbo (105.018,50 euros).
Todas elas supuxeron un investimento de 1.340.403,27 euros, que conformaba o 27,8 % do orzamento total do Plan de Investimentos de 2014, elaborado polo anterior equipo de goberno municipal.