A Deputación de Ourense promove alianzas comerciais e tecnolóxicas con empresas e universidades de Israel

Compartir

  • Unha misión institucional, académica e empresarial, encabezada por Manuel Baltar, desenvolve estes días en Tel Aviv unha axenda de traballo que inclúe encontros con investigadores, empresarios e co embaixador de España en Israel, para explorar liñas de innovación e cooperación para empresas ourensás e para o Campus de Ourense.

  • O presidente da Deputación destaca a importancia de potenciar as exportacións ourensás a Israel, procedentes de 11 empresas de Ourense, unha cifra que se triplicou desde 2014.

  • Nesta viaxe, de carácter económico e académico, acompañan a Manuel Baltar o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez; o director de Desenvolvemento de Negocios de Excem Technologies, Isaac Chocron e representantes das empresas Coren, UNVI, Egatel, Welkin e Grupo Caldaria.

Ourense, 10 de maio de 2017.- A Deputación de Ourense promove alianzas comerciais e de transferencia tecnolóxica con empresas e universidades de Israel, co obxectivo de establecer liñas de investigación entre o Campus de Ourense e a Universidade de Tel Aviv e tamén para abrir novas oportunidades de negocio para empresas ourensás dos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico e industrial, entre outros sectores.

Esta é a finalidade da misión institucional, académica e empresarial, encabezada por Manuel Baltar, que desenvolve estes días na capital de Israel unha axenda de traballo que inclúe encontros con investigadores, empresarios e co embaixador de España en Israel, Manuel Gómez-Acebo, para explorar liñas de innovación e cooperación para empresas ourensás e para o Campus de Ourense, co apoio da Deputación de Ourense, quen promoveu estes encontros a instancias das empresas e institucións ourensás.

O presidente da Deputación destaca a importancia de potenciar as exportacións ourensás a Israel, procedentes de 11 empresas de Ourense, "unha cifra que se triplicou desde 2014 e que pretendemos que se siga incrementando, pois nos ámbitos de negocio e cooperación que centran esta misión a provincia de Ourense ten moito que achegar en innovación, coñecemento e competitividade", afirma Baltar. En 2016 as exportacións españolas de bens a Israel ascenderon a 1.455 millóns de euros, e España exportou a Israel o dobre do que Israel exportou a España.

Nesta viaxe, de marcado carácter económico e académico, acompañan a Manuel Baltar o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez; o director de Desenvolvemento de Negocios de Excem Technologies, Isaac Chocron e representantes das empresas Coren, UNVI, Egatel, Welkin e Grupo Caldaria.

No que atinxe ao ámbito académico e de investigación o presidente do goberno provincial e o vicerreitor do Campus de Ourense mantiveron unha reunión co vicepresidente da Universidade de Tel Aviv –considerada entre as 10 mellores do mundo-, Raanan Rein, con quen acordaron establecer convenios de colaboración en materia de augas e medio ambiente, dado o singular carácter de especialización do Campus da Auga en Ourense, e tamén avanzaron en determinar ámbitos de colaboración en seguridade cibernética, ciencias aeroespaciais, intercambio de alumnos e profesores, e desenvolver proxectos conxuntos en materia de produción e seguridade agroalimentaria, investigar sobre a historia sefardí na provincia de Ourense e co-dirixir teses doctorais entre ámbalas dúas universidades (Vigo –no Campus de Ourense- e Tel Aviv).

Por outra banda, no encontro que Manuel Baltar mantivo con embaixador de España en Israel –a primeira entrevista institucional que concede Gómez-Acebo desde a súa toma de posesión hai días-, abordaron establecer liñas de colaboración para favorecer unha maior presenza de empresas ourensás en Israel. No encontro participaron tamén Miguel Moro Aguilar, segunda xefatura da embaixada, e José María Blasco Ruíz, conselleiro económico e comercial da legación española en Tel Aviv. Neste sentido, o embaixador destacou o crecente interese israelí polo mercado español, o que abre importantes expectativas para sectores como o das infraestruturas, o tecnolóxico, o agroalimentario e o industrial, entre outros.

Asemade, o ecosistema israelí de startups (máis de 5.000), xunto a multinacionais, centros de I+D (290 creados por estas multinacionais) e fondos de capital risco (4.800 millóns de dólares investidos en 2016) "conforman un importante marco para fomentar a cooperación tecnolóxica e de innovación entre Ourense e Israel, un dos principais obxectivos desta viaxe institucional, académica e empresarial", destaca Manuel Baltar.