A Xunta de Goberno da Deputación aproba máis de 350.000 euros en axudas para concellos e entidades da provincia
Ourense, 12 de maio de 2017.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou un total de 363.606,32 euros en axudas para concellos e entidades da provincia de Ourense, destinadas a temas de cultura, deporte, medio ambiente e infraestruturas. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 12 de maio.
En concreto, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para o Concello de Beariz por importe de 27.450,68 euros destinada ao equipamento da sala de musculatura do polideportivo municipal e, unha axuda para o Concello de Castrelo de Miño de 100.000 euros para a mellora e adecuación do campo de remo do municipio. Para o Concello de Cartelle, na reunión aprobouse unha axuda de 5.997,40 euros para a instalación de climatización no Auditorio municipal e, para o Concello de Cenlle, unha axuda por importe de 16.656,96 euros destinada á renovación da iluminación pública en Laias e Barbantes.
Para o Concello de Larouco, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas en materia de medio ambiente e infraestruturas. Concretamente, aprobou unha axuda de 6.942,19 euros para o saneamento e depuración de augas residuais no municipio, e outra axuda de 14.909,09 euros para a mellora da pavimentación e rehabilitación da rúa Santa Lucía. Tamén, en materia medioambiental, aprobou unha axuda para o Concello de Leiro destinada á senda fluvial na marxe dereita do río Avia por importe de 22.650 euros.
Outra das axudas aprobadas na reunión foi para a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro por importe de 50.000 euros para a adquisición dun vehículo de recollida do lixo. Por último, no apartado cultural aprobouse unha axuda de 35.000 euros para o Concello de Ribadavia para a Mostra Internacional de Teatro correspondente ao ano 2017.
No que atinxe a cooperación coas entidades da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas para a Agrupación Coral de Ruada que ascenden a un importe de 36.000 euros, destinadas ámbalas dúas para gastos de funcionamento da entidade correspondentes aos tres últimos anos. Continuando no apartado cultural, aprobouse unha axuda de 20.000 euros para a Asociación Musical de Trasmiras destinada aos gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao curso 2016-2017, e para a Asociación Cultural Fetega, unha axuda por importe de 8.000 euros para os gastos da entidade do ano 2017.
Por último, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 20.000 euros para a Asociación Campus Universitario de Ourense Rugby para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes á tempada 2016-2017.