A Deputación de Ourense, premio ao mellor proxecto de contratación pública electrónica de España

Compartir

  • A institución provincial tense destacado por iniciativas de vangarda tecnolóxica como o proxecto "Provincia Intelixente", impulsado por Manuel Baltar, co obxectivo de crear no territorio provincial "unha auténtica rede tecnolóxica".

Ourense, 23 de maio de 2017.- A Deputación de Ourense vén de ser premiada co galardón ao "Mellor proxecto de contratación pública electrónica nunha Deputación en España", recoñecemento que outorga a empresa Vortal. O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, recollerá o premio esta tarde en Madrid, na recepción previa do Congreso Nacional de Contratación Pública Electrónica CNCE´17 e do eBusinessWorld 2017, que comezará mañá na Facultade de Medicina da Universidade Complutense. No acto, a empresa Vortal fará entrega de premios aos proxectos máis destacados, levados a cabo nas administración públicas en materia de contratación electrónica.

A Deputación de Ourense tense destacado por impulsar iniciativas de vangarda tecnolóxica como o proxecto "Provincia Intelixente", impulsado por Manuel Baltar, recentemente premiado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que valorou a aplicación do concepto de "Smart City" ao eido provincial, de xeito que unifica e centraliza esforzos nun gran proxecto cunha visión global da provincia, no que sumará a xestión de 7.273 Km e solucións para os seus 424.652 habitantes, dos que 109.779 son residentes no exterior.

A iniciativa "Provincia Intelixente" enmárcase no Plan Ourense 15-19 da Deputación de Ourense, e ten como obxectivo impulsar no territorio provincial "unha auténtica rede, coa tecnoloxía como aliada, que permita unha eficiencia modélica en competencias municipais que exercemos vía delegación, como poden ser a recollida de residuos, a xestión da auga ou a tele-asistencia, entre outros ámbitos de xestión, fomentando a innovación na xestión pública". Neste sentido, A Deputación de Ourense e as compañías Vodafone e IBM asinaron o convenio "Provincia Intelixente", que permitirá impulsar a creación dun centro tecnolóxico para a innovación, co obxectivo de crear novas oportunidades de progreso económico e social na provincia de Ourense.

No marco da entrega do premio hoxe á Deputación de Ourense, o CNCE´17 reunirá a diferentes empresas e entidades públicas españolas e de outros países para analizar e debater sobre os novos retos e oportunidades na xestión pública electrónica nos ámbitos das pemes, o mercado das compras públicas, os cambios legais derivados das Directivas Europeas e que establecen o uso obrigatorio de canles electrónicas para a posta en práctica da contratación pública na Unión Europea. Paralelamente ao CNCE´17, celebrarase o eBusinessWorld 2017, o congreso internacional de usuarios e partners de Vortal, onde se debaterá sobre o presente e o futuro da innovación da contratación electrónica no sector público e privado.