A Deputación de Ourense presenta o documental "Contando a Carlos Casares"
- O filme, dirixido por Gonzalo Veloso, achega unha pluralidade de visións do escritor ourensán, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, a través de 28 persoas que conversan sobre os ámbitos literario, social, político e persoal de Carlos Casares.
- Manuel Baltar destacou no acto de presentación do documental, celebrado esta tarde no Teatro Principal de Ourense, "o exercicio permanente de ourensanismo de Carlos Casares, un dos grandes embaixadores de Ourense.
Ourense, 23 de maio de 2017.- O Teatro Principal de Ourense acolleu esta tarde a presentación do documental "Contando a Carlos Casares", acto enmarcado nas actividades conmemorativas das Letras Galegas 2017 e que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o autor do documental, Gonzalo Veloso; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o escritor Luis González Tosar e o fillo de Carlos Casares, Hakan Casares.
O filme, promovido pola Deputación de Ourense e dirixido por Gonzalo Veloso, achega unha pluralidade de visións do escritor ourensán, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, a través de 28 persoas que conversan sobre os ámbitos literario, social, político e persoal de Carlos Casares.
Manuel Baltar destacou no acto de presentación "o exercicio permanente de ourensanismo de Carlos Casares, un dos grandes embaixadores de Ourense", e remarcou "a inmensa honra que supuxo ter participado neste documental, pois esta achega audiovisual é, como tamén o é este ano e os seguintes, unha homenaxe constante a Carlos Casares". O presidente do goberno provincial lembrou que a Deputación de Ourense outorgará a Medalla de Ouro da Provincia, a título póstumo, ao escritor ourensán, "iniciativa que será levada ao pleno da Corporación Provincial do vindeiro venres", e remarcou "a alianza que a Deputación mantén coa Fundación "Carlos Casares" para seguir impulsando a súa obra e o seu legado".
O acto de hoxe no Teatro Principal contou tamén coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; do subdelegado do Goberno, Roberto Castro; do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; do presidente da Fundación "Carlos Casares", Xavier Casares, e do vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.
O director do filme, Gonzalo Veloso, quen leva sete anos realizando os documentais dos galardoados no Día das Letras Galegas, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e destacou que o documental, que conta co asesoramento de Luis González Tosar, estrutúrase en 14 conversas de 28 persoas, as cales, sen guion previo e con total liberdade "achegan a súa visión sobre diferentes facetas da vida de Carlos Casares", expresou Veloso. No filme interveñen familiares, críticos literarios, xornalistas, profesores universitarios e políticos. "Incidimos en Ourense porque a infancia de Casares sempre estivo moi presente na súa obra", explicou o realizador.
Pola súa banda, Hakan Casares agradeceu as mostras de afecto que a familia está a recibir, "unha xenerosidade que destaca especialmente este ano, que para min, ademais de ser o das Letras Galegas, é o ano do meu pai".