A provincia de Ourense acolle 5 das 11 rutas dos trens turísticos de Galicia
- A presentación da nova edición desta campaña impulsada polo Inorde, Turismo de Galicia e Renfe, presentouse esta mañá na delegación territorial da Xunta en Ourense.
Ourense, 30 de maio de 2017.- O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou esta mañá na presentación da nova edición da campaña de trens turísticos impulsada polo Inorde, Turismo de Galicia e Renfe, que tivo lugar na delegación territorial da Xunta en Ourense. A campaña ofrece 11 itinerarios dos que 5 percorren a xeografía da provincia de Ourense, sendo a novidade deste ano, a incorporación da ruta 'Ourense termal e de compras', que combina o turismo polo casco histórico da cidade das Burgas, as Termas de Outariz e tempo libre para realizar compras opcionais pola cidade.
Na presentación tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o xerente da Área Comercial e Servizo de Atención ao Cliente de Renfe, Javier Díaz Trisac.
En total ofreceranse 11 itinerarios, cinco deles pola provincia ourensá, que estarán en funcionamento durante os meses de xuño a outubro coa intención de fomentar un turismo de calidade e sustentable. A edición deste ano desenvolverase dende o 10 de xuño ata o 28 de outubro. A nova ruta incorporada a esta campaña ofrecerá dúas saídas, os días 7 e 21 de outubro.
Estes trens turísticos estanse a consolidar como un dos produtos turísticos máis exitosos do verán galego, e que este ano tamén se estenderán ao mes de outubro. O ano pasado a ocupación media superou o 80% de xuño a setembro, recibindo viaxeiros de 19 nacionalidades diferentes. Cómpre subliñar que a ruta que percorre a Ribeira Sacra foi a máis demandada e aceptada acadando o 100 por 100 de ocupación.
Aos itinerarios que percorren a provincia de Ourense súmanse a 'Ruta dos Faros', a 'Ruta dos pazos e xardíns históricos', a 'Ruta da Lamprea', a 'Ruta Lugo Romano', a 'Ruta do viños das Ríaz Baixas', e a 'Ruta Descubrindo A Coruña'.