O novo parque de bombeiros do Carballiño dará servizo a 48.000 habitantes de 23 concellos

Compartir

  • A inauguración tivo lugar esta tarde no parque industrial Uceira, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, o vicepresidente da Xunta de Galicia, o alcalde do Carballiño e o presidente do Consorcio.

  • Manuel Baltar dixo que comeza a funcionar "un parque moi demandando, que dará cobertura a un ámbito xeográfico importante e dotará a toda esa poboación dunha protección extra".

Ourense, 1 de xuño de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde na inauguración do parque de bombeiros do Carballiño, que supuxo un investimento de preto de dous millóns de euros, froito da colaboración entre a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e os concellos das dúas comarcas, para a construción do edificio e a adquisición dos camións e equipamento. No acto inaugural, no parque industrial de A Uceira, tamén participaron o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, e o presidente do Consorcio Provincial de Incendios e Salvamento de Ourense, Pablo Pérez.

Manuel Baltar dixo no acto inaugural que en colaboración coa Xunta de Galicia "levamos a cabo unha nova forma de xestión, e hoxe abre as súas portas un parque moi demandado que dará cobertura a un ámbito xeográfico importante, que dotará a toda esa poboación dunha protección extra". Baltar destacou o labor que realiza o goberno provincial en materia de emerxencias, "coa estrutura do Consorcio Provincial cun mando único, que ofrece a posibilidade de gañar en operatividade pero non só cos incendios, senón tamén cos grupos de emerxencia supramunicipais, pois somos a provincia con maior número de GES, preparados para intervir en calquera situación e cun papel importante por parte da Deputación, non só aportando financeiramente a súa parte, senón tamén sufragando incluso o que lle correspondería aos concellos onde estes grupos teñen a súa sede".

Con esta nova estrutura, o presidente da Deputación de Ourense quixo lembrar que segundo os protocolos, "a resposta vai ser más rápida e inmediata ao ter un mando único e gañar en operatividade, a prol dunha mellor utilización dos recursos", e remarcou que a experiencia dos parques comarcais durante este ano "é o mellor antecedente para o mellor servizo que prestará o Consorcio Provincial".

Con 19 traballadores, tras finalizar o pasado 15 de maio os catro meses de formación obrigatoria, comeza a funcionar este parque de bombeiros, situado no polígono industrial de A Uceira. Estas novas instalacións prestarán servizo aos nove concellos desta comarca: Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea, así como aos dez municipios do Ribeiro: Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia; e os concellos de Amoeiro, Coles, Vilamarín e A Peroxa.

Como reforzo a este novo parque de bombeiros, os concellos de Ribadavia e Avión continuarán a manter os seus respectivos grupos de emerxencia supramunicipal (GES), para ofrecer así unha asistencia a emerxencias máis inmediata, ao igual co Concello do Carballiño, que tamén continuará a prestar servizo co seu equipo de emerxencias.

Esta nova dotación supón "un compromiso cumprido que dará servizo a 23 concellos da provincia, prestando asistencia a 48.000 habitantes que abarcan estas dúas comarcas ourensáns", dixo Pablo Pérez, quen lembrou que con esta apertura "a provincia ten ao 90% da poboación a menos de 20 minutos dun servizo de emerxencias profesional, xa sexan bombeiros ou GES". Asemade, o presidente do Consorcio adiantou que en breve "presentaremos o mapa de emerxencias e seremos a primeira provincia en facelo, podendo observar nel as necesidades detectadas para así cubrilas".