Ourense acolle o I Congreso da "Red Localis", que analiza a transparencia e a innovación nas entidades locais
- A vangarda do goberno provincial nestes ámbitos foi destacada por Alfonso Rueda, quen remarcou que "a Deputación de Ourense, co seu presidente á cabeza, é unha firme crente das iniciativas de "goberno aberto" e transparencia", opinión que comparte Santiago Lago ao definir á Deputación de Ourense como "á máis dinámica neste ámbito".
- Manuel Baltar dixo na inauguración que este evento de ámbito nacional "é froito da alianza estratéxica establecida co grupo de investigación GEN+ para propoñer desde Ourense solucións e innovacións que afectan á xestión local e que determinan a excelencia que perseguimos na prestación de servizos públicos aos cidadáns".
- Durante dous días daranse cita no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" expertos do mundo académico e profesional, xunto con representantes institucionais e dos medios de comunicación, vencellados ao sector público local.
Ourense, 20 de xuño de 2017.- Ourense sitúase estes días no centro de debate e análise sobre o mundo local a nivel nacional, ao acoller hoxe e mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense o primeiro Congreso da "Red Localis", no que expertos no ámbito académico e da administración, xunto con representantes institucionais e dos medios de comunicación, analizan o tema: "As entidades locais ante a transparencia e a innovación". A inauguración do congreso tivo lugar esta mañá a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; do vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; do director do grupo de investigación Gen+, Santiago Lago; e da codirectora da Red Localis, Concepción Campos.
Manuel Baltar dixo que acoller este congreso de ámbito nacional é "froito da alianza estratéxica establecida hai meses con GEN+, para posicionar e plantexar desde Ourense, solucións, innovación e cuestións que afectan á xestión local e que determinan a excelencia que perseguimos na prestación de servizos públicos aos cidadáns". Asemade o presidente do goberno provincial asegurou que o congreso "versa sobre dúas cuestións: transparencia e innovación, as cales lidera a Deputación de Ourense a nivel nacional. Nel van a participar relatores de recoñecido prestixio e persoeiros doutras comunidades autónomas, sendo unha iniciativa cun forte impacto mediático e doctrinal".
"Noso traballo na Deputación de Ourense caracterízase pola planificación, polos plans de mandato, por ter unha Carta de Servizos para que cidadáns e concellos coñezan o noso labor, e pola xestión económica que permite aprobar os orzamentos antes que ningunha outra administración pública", explicou Baltar, quen destacou que a deputación de Ourense "lidera temas referidos á transparencia, innovación e administración electrónica, porque a administración do século XXI ou é electrónica ou non existe".
Esta labor de vangarda do goberno provincial ourensán foi destacada por Alfonso Rueda, quen remarcou que "a Deputación de Ourense, co seu presidente á cabeza, é unha firme crente da implantación de iniciativas de "goberno aberto" e transparencia", unha opinión que compartiu Santiago Lago ao definir á Deputación de Ourense como "á máis dinámica neste ámbito". O vicepresidente da Xunta sinalou: "Traballamos a prol da transparencia cumprindo coa Lei de Transparencia autonómica, "que vai máis aló do que esixía a Lei a nivel estatal, e queremos continuar a traballar nesa liña, na que xogan un papel moi importante as novas tecnoloxías, que facilitan o acceso á información", engadiu Rueda.
Pola súa banda, o vicerreitor do Campus de Ourense sinalou a importancia de levar a cabo iniciativas desta índole, que contribúen a trasladar á sociedade o que facemos na universidade", e destacou que nestes tempos "requírese un novo paradigma de actuación que esixe non só dedicarnos á investigación senón crear canles adecuados para transferir a información á sociedade".
O congreso desenvolverase entorno a catro liñas: compra pública e colaboración público-privada; transparencia, bo goberno e participación cidadán; administración electrónica para a eficiencia e a economía, e calidade nos servizos públicos de ámbito local. A "Red Localis" é unha rede sobre o municipalismo da que forman parte profesores e investigadores das tres universidades galegas e profesionais do mundo local en Galicia, mentres que o grupo de investigación GEN+ é unha plataforma de transferencia de coñecemento no ámbito da economía e a gobernanza públicas.