Rosendo Fernández participa no II Congreso nacional sobre despoboación no rural
- No encontro, que se celebra en Huesca, analízase a problemática da despoboación desde os ámbitos económico, social, demográfico e de protección do patrimonio histórico.
Huesca, 22 de xuño de 2017.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participa no II Congreso nacional sobre despoboación no medio rural, que se desenvolve hoxe e mañá no Palacio de Congresos de Huesca. Trátase dun foro de debate para abordar esta problemática desde os ámbitos económico, social, demográfico e de protección do patrimonio histórico.
Rosendo Fernández, quen xa asinara o pasado ano en Cáceres a "Declaración de Montánchez" contra a despoboación no medio rural, no marco do primeiro congreso sobre esta temática, destaca a importancia de levar a cabo "encontros destas características que nos permiten afondar nesta problemática na procura de solucións que consigan paliar esta situación para mitigar o problema da despoboación".
Na xornada de hoxe desenvolveranse catro mesas nas que se debate sobre: As administracións públicas e territorio: cara unha estratexia nacional contra a despoboación; Cohesión e igualdade de oportunidades: discriminación positiva e política fiscal; Unión Europea, reto demográfico e despoboación; e Propostas lexislativas ad hoc-normativa. Asemade, tamén se desenvolven talleres en paralelo sobre "Patrimonio, protección de persoas e vertebración territorial", "Visibilidade do medio rural e a despoboación", e "Sensibilización, educación e concienciación".
Na xornada de mañá venres abordarase a Relación entre medio urbano e medio rural, e os Presupostos públicos e a despoboación. O papel das administracións locais na loita contra a despoboación.