Manuel Baltar participa no 25º aniversario do Círculo de Empresarios de Galicia, presidido polo Rei Felipe VI
Ourense, 17 de xullo de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na recepción que o Círculo de Empresarios de Galicia lle ofreceu ao Rei Felipe VI en Vigo, xantar presidido pola Súa Maxestade no que se conmemorou o 25º aniversario da creación desta entidade empresarial, que ten entre as súas principais misións a promoción empresarial. Precisamente, a Deputación de Ourense mantén co Círculo de Empresarios de Galicia unha importante alianza de colaboración para levar a cabo accións nos ámbitos do emprendemento, investimento, internacionalización e networking que conxuntamente desenvolverán dentro do acordo de colaboración entre ámbalas dúas entidades a prol do impulso económico da provincia de Ourense.
Manuel Baltar destacou a importancia desta colaboración entre a institución provincial ourensá e o Círculo de Empresarios, "que nos permitirá desenvolver iniciativas acordes coas liñas de apoio á competitividade que vimos realizando desde a institución provincial, como as misións empresariais USA-Ourense e Israel-Ourense, ou relacionadas coa análise da economía provincial, por medio do Observatorio Económico Ourensán", expresou o presidente da Deputación.
Desde a súa creación en 1992, o Círculo de Empresarios de Galicia vén mantendo unha importante actividade que ten revalorizado seu papel como parte activa da sociedade civil, achegando iniciativas para o desenvolvemento e benestar socio-económico de Galicia. Entre os obxectivos desta entidade figuran: impulsar unha cultura empresarial emprendedora, reforzar o liderado social e económico de Galicia, así como impulsar o desenvolvemento e consolidación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e tamén fomentar foros de análise e debate no ámbito social e económico, promovendo a cooperación e a competitividade.