A Deputación de Ourense avaliará os danos e zonas afectadas polo pedrazo na Limia

Compartir

  • Na sesión plenaria de xullo a corporación provincial aprobou tamén un convenio de cooperación para ofrecer aos concellos da provincia un servizo de recollida de aceite de orixe doméstica.

Ourense, 28 de xullo de 2017.- O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de xullo, celebrada esta mañá no Pazo Provincial, a elaboración dos informes necesarios para realizar unha avaliación urxente dos danos causados polo pedrazo, así como estudar a adopción de medidas para paliar, na medida das posibilidades e competencias da Deputación, os danos causados pola pedra. Asemade, de ser o caso, requirirá á Xunta de Galicia, se así o aconsellase a avaliación, a tramitación de zona de emerxencia das distintas zonas afectadas.

Asemade, a corporación provincial aprobou un convenio para ofrecer aos concellos da provincia un servizo de recollida de aceite de orixe doméstica. Os concellos que se adhiran delegarán na Deputación o exercicio das competencias de ordenación, xestión e prestación do servizo de recollida de aceite de orixe doméstico. As competencias deste convenio comprenderán a ordenación e xestión do servizo. Tamén contempla o convenio a instalación de colectores aptos para o depósito directo de botellas e envases de ata dous litros de aceite usado de orixe doméstica ou asimilado na vía pública, no lugar previamente concertado con cada concello. Asemade, establécese a planificación do servizo, coa recollida e transporte do contido dos colectores así como a súa limpeza, conservación e mantemento integral e o seu destino para a elaboración de biocombustible ou outros produtos mediante a entrega a un valorizador autorizado, e a realización de campañas de información e concienciación medioambiental.

O pleno aprobou tamén crear un programa de cooperación para os concellos da provincia, de menos de 20.000 habitantes, interesados no control e eliminación do gas radon nas súas instalacións, e que o goberno provincial, en convenio coa Universidade de Santiago, realice os estudos necesarios para controlar e erradicar o gas radon nos concellos adscritos previamente ao programa de cooperación.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE APOIO Á REIVINDICACIÓN AO GOBERNO DO ESTADO DO COMITÉ DE AUTOESCOLAS DE OURENSE

Acordo:

Instar ao Goberno do Estado a adoptar as medidas oportunas (acordo con examinadores, incorporación da máis persoal, etcétera) que rematen coa falta de exames para os alumnos e permitan retomar a actividade con normalidade.

PLAN ECONÓMICO FINANCEIRO POR INCUMPRIMENTO DA REGRA DE GASTO NA LIQUIDACIÓN DE 2016

Acordo:

1º.- Aprobar un Plan económico financeiro por incumprimento da regra de gasto na liquidación do exercicio 2016, integrado polas seguintes medidas:

PRIMEIRA. Os gastos superiores a 2.000,00 euros deberán ser tramitados coa correspondente proposta de gastos asinada polo xefe ou responsable da unidade xestora, que será fiscalizada, salvo aquelas que se refiran a custos propios de servizos reiterados, modificando así a base 29ª das de execución do orzamento.

SEGUNDA.- Co remanente de tesourería vense amortizando anticipadamente débeda cada ano. No exercicio 2016, do que estamos analizando o incumprimento, a amortización elevouse a 5.987.464,53 euros con cargo ao remanente de tesourería. Debido a que o capítulo 9 non inflúe na regra do gasto, unha medida de aforro forzosa será empregar o mesmo importe que este ano máis 605.226,69 euros, que é xusto o incumprimento da regra. Por suposto esta medida deixará de ter relevancia cando o capital vivo estea totalmente amortizado.

TERCEIRA.- Á parte da cantidade destinada a amortización de débeda, medida totalmente antieconómica na situación actual da institución, na modificación de crédito que se realice o 50% da contía non destinada a amortización, será destinada a investimentos financeiramente sostibles, que acreditarán os destinatarios beneficiarios.

2º.- Remitirlle á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, da Xunta de Galicia, o presente plan, segundo o artigo 23 da Lei 2/2012.

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DO CONCELLO DE XINZO DE LIMIA EN MATERIA DE RECADACIÓN EXECUTIVA

Acordo:

Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Xinzo de Limia ten atribuídas en materia de recadación executiva dos seguintes ingresos de dereito público:

1º.- Recadación executiva das taxas recollidas no artigo 20.3, da Lei reguladora das facendas locais RD lexislativo 2/2004.

2º.- Recadación executiva das taxas recollidas no artigo 20.4 da Lei reguladora das facendas locais RD lexislativo 2/2004.

3º.- Recadación executiva dos gastos derivados de execucións forzosas dos artigos 99 e 100 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4º.- Recadación executiva das multas impostas de conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 6/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria.

5º.- Recadación executiva do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) de conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais segundo a Ordenanza Fiscal Reguladora n.º 1: sobre construcións, instalacións e obras.

6º.- Recadación executiva de canons de concesións de dominio público de conformidade co disposto no artigo 80.7 do Regulamento de bens das entidades locais 1372/1986 e na Lei 33/2003 do patrimonio das administracións públicas, segundo o establecido nos respectivos convenios ou acordos concesionais.

7º.- Recadación executiva das Contribucións Especiais recollidas nos artigos 28 e seguintes do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, de conformidade cos respectivos acordos de imposición e ordenación delas dos que se dará traslado á Deputación.

8º.- Recadación executiva das sancións que se puideran impoñer en virtude da Ordenanza n.º 29, especial da limpeza de terreos e soares e medidas preventivas contra incendios forestais, da Ordenanza n.º 31 reguladora da posesión de animais potencialmente perigosos e da taxa pola expedición de licenza para o efecto, da Ordenanza n.º 39 de boas prácticas veciñais e seguranza cidadá do Concello de Xinzo de Limia, da Ordenanza n.º 41, reguladora da instalación de terrazas en espazo público ou calquera outras das ordenanzas polas que o Concello de Xinzo de Limia exerza a potestade sancionadora, segundo o establecido no Título XI da Lei de bases de réxime local, ou calquera outra lexislación aplicable.

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DO CONCELLO DE LAROUCO EN MATERIA DE RECADACIÓN EXECUTIVA

Acordo:

Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Larouco ten atribuídas en materia de recadación executiva dos gastos derivados de execucións forzosas dos artigos 99 e 100 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

CONVENIO DE COOPERACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE E OS CONCELLOS DA PROVINCIA PARA A PRESTACIÓN, POR PARTE DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL, EN RÉXIME DE COMPETENCIA DELEGADA E CON CARÁCTER INTERMUNICIPAL, DO SERVIZO DE RECOLLIDA DE ACEITE DE ORIXE DOMÉSTICA

Acordo:

1º.- Aprobar o Convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e os concellos da provincia para a prestación por parte de Deputación Provincial, en réxime de competencia delegada e con carácter intermunicipal, do servizo de recollida de aceite de orixe doméstica, conforme coas seguintes cláusulas:

Primeira.- Obxecto

Constitúe o obxecto do presente convenio a regulación das condicións para a prestación, por parte da Deputación Provincial de Ourense, en réxime de competencia delegada e con carácter intermunicipal, do servizo de recollida de aceite de orixe doméstica, establecendo o réxime xurídico desta fórmula de cooperación.

Segunda.- Delegación de competencias relativas ao servizo de recollida de aceite de orixe doméstica. Ámbito funcional, material e territorial.

1º.- En virtude do presente convenio, os concellos que se adhiran delegarán na Deputación Provincial o exercicio das competencias de ordenación, xestión e prestación do servizo de recollida de aceite de orixe doméstico.

2º.- A delegación de competencias establecida neste convenio comprenderá o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación do servizo, incluíndo o establecemento ou modificación das súas condicións de prestación e a elaboración e aprobación, de ser o caso, da correspondente ordenanza reguladora.

b) A xestión do servizo de forma directa coa colaboración dunha empresa especializada mediante un contrato de servizo.

c) A instalación de colectores aptos para o depósito directo de botellas e envases de ata dous litros de aceite usado de orixe doméstica ou asimilado na vía pública no lugar previamente concertado con cada concello:

a. Un colector en todos os concellos adheridos

b. Outro colector máis por cada mil habitantes ou fracción maior de cincocentos habitantes para os concellos de máis de mil habitantes ata vinte mil habitantes.

Para estes efectos considerarase como aceite usado de orixe doméstica os así definidos no artigo 3.b) da Lei 22/2011, de 18 de xullo de residuos e solos contaminados e como asimilado os xerados en servizos e industrias.

d) A planificación do servizo, establecendo, para tal efecto, a recollida e transporte do contido dos colectores así como a súa limpeza, conservación e mantemento integral e o seu destino para a elaboración de biocombustible homologado ou outros produtos mediante a entrega a un valorizador autorizado.

e) A realización de campañas de información entre a poboación, a resolución de reclamacións e, en xeral, a adopción de cantos actos e disposicións cumpran para garantir a prestación normal, regular e continuada do servizo.

f) A contratación de prestacións accesorias ao servizo, así como a contratación de obras, subministracións, asistencias técnicas ou servizos necesarios para a súa xestión.

g) A resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados en exercicio das competencias delegadas.

A Deputación Provincial terá a condición de posuidor dos residuos recollidos nos colectores nos termos previstos na vixente lexislación de residuos sólidos urbanos, e subscribirá os oportunos contratos de servizo así como os convenios que procedan coas entidades ou empresas valorizadoras coas que sexa procedente para a entrega do residuo. Igualmente, poderá solicitar e percibir as subvencións destinadas a este tipo de recollida que conceda a Xunta de Galicia ou calquera outra entidade pública ou privada.

3º.- O servizo intermunicipal terá como ámbito territorial o dos concellos adheridos a este convenio. Poderán adherirse todos aqueles concellos da provincia de Ourense de menos de vinte mil habitantes que non estean incorporados ao Convenio marco de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e os concellos da provincia para a xestión, en réxime de competencia delegada e de xeito intermunicipal da recollida de residuos sólidos urbanos e desexen delegar na Deputación Provincial, unicamente, o servizo de recollida de aceites de orixe doméstica e non a xestión integral de residuos municipais.

Terceira.- Procedemento de adhesión ao convenio.

Para a adhesión ao convenio, as entidades locais interesadas remitiranlle á Deputación Provincial de Ourense o acto administrativo de adhesión, adoptado polo órgano en cada caso competente, de acordo co modelo establecido no anexo deste convenio. A adhesión ao convenio será eficaz:

a) Se a entrada do documento de adhesión no Rexistro Xeral da Deputación se realiza entre ós días 1 e 15 de cada mes, o primeiro día hábil do mes seguinte.

b) Se a entrada do documento de adhesión no Rexistro Xeral da Deputación se realiza entre os días 16 e o último de cada mes, o 15 día hábil do mes seguinte.

Cuarta.- Mecanismos de control do exercicio da delegación para a prestación do servizo de recollida de aceites de orixe doméstica.

1º.- A delegación do exercicio das competencias relativas ao servizo de recollida de aceites de orixe domestica non suporá cesión da titularidade da competencia, que en todo momento seguirá a ser do concello. Para tal efecto, establécense os mecanismos de control recollidos na presente cláusula, co obxectivo de garantir unha participación cualificada do concello delegante na toma das decisións fundamentais relativas ao servizo, así como un axeitado control e seguimento do uso da delegación por parte da Deputación Provincial.

O exercicio das competencias delegadas por parte da Deputación Provincial requirirá informe favorable da Comisión de Seguimento con acordo da maioría absoluta dos concellos, acordada polo órgano municipal competente por razón da materia, nos casos de aprobación da ordenanza reguladora do servizo ou das súas modificacións.

No suposto de que a proposta da Deputación Provincial de Ourense non obtivese a aprobación, a Comisión de Seguimento estudará unha proposta alternativa ou a ratificación da proposta inicial, no prazo máximo dun mes. No caso de que se rexeite esta nova proposta procederase á extinción automática do convenio para ese concello que será acordada pola Presidencia de Deputación.

2º.- O exercicio das competencias delegadas poderá realizarse directamente polos órganos competentes da Deputación Provincial, sen prexuízo da dación de conta dos ditos actos á comisión de seguimento, vixilancia e control.

3º.- A Comisión de Seguimento, vixilancia e control, por unanimidade, poderá establecer directrices para o mellor funcionamento do servizo, que serán de obrigado cumprimento para a Deputación Provincial.

4º.- O concello poderá obter ou solicitarlle, en calquera momento, información á Deputación Provincial sobre o exercicio das competencias delegadas, mediante escrito dirixido á Presidencia. A información deberá remitirse no prazo máximo de quince días hábiles dende que a solicitude tivese entrada no rexistro de entrada de documentos da Deputación Provincial.

Sen prexuízo deste dereito, a Deputación Provincial manterá informada, de xeito periódico, á comisión de seguimento vixilancia e control sobre a marcha do servizo.

Quinta.- Réxime económico do servizo delegado.

1º.- Para os efectos do establecido na presente cláusula, consideraranse custos do servizo todos os custos directos ou indirectos, incluídos os de carácter financeiro, a amortización do inmobilizado e, se é o caso, os necesarios para garantir o mantemento e o desenvolvemento razoable e sostible do servizo.

2º.- O servizo delegado financiarase con cargo á cooperación e asistencia económica cos concellos, correspondéndolle á Deputación Provincial de Ourense o resultado dos fluxos económicos da xestión do servizo.

3º.- A adhesión dos concellos a este convenio non suporá custo ningún para eles.

Sexta.- Comisión de seguimento, vixilancia e control.

1º.- Establécese unha comisión de seguimento, control e vixilancia paritaria do convenio, que estará integrada polo deputado – delegado de cooperación e os representantes dos concellos adheridos designados polos respectivos alcaldes.

A comisión estará asistida polo director da Área de Medio Ambiente e o xefe da sección correspondente, con voz pero sen voto.

Os representantes dos concellos poderán asistir ás sesións acompañados de membros do goberno municipal ou técnicos asesores.

Actuará como secretaria da comisión a asesora xurídica da Área de Medio Ambiente, coas funcións propias dun secretario de órgano colexiado.

A comisión de seguimento reunirase a pedimento de calquera das partes integrantes, e as súas funcións serán as de seguimento da aplicación do convenio, interpretación e resolución de incidencias. No caso de non acadarse un acordo no seo da comisión, a Deputación Provincial resolverá unilateralmente e con carácter executivo o que proceda, sen prexuízo da posibilidade de impugnación deste acto administrativo polos concellos, conforme co sistema de recursos vixente no noso ordenamento xurídico.

2º.- Son funcións da comisión de seguimento, vixilancia e control as seguintes:

a.- Ser informada do estado de execución do convenio, así como das incidencias advertidas en cada exercicio.

b.- Informar calquera modificación ou novación do presente convenio.

c.- Coñecer as propostas, queixas ou suxestións que as partes poidan formularlles ao resto de entidades asinantes.

d.- Informar os supostos de resolución do convenio.

3º.- A Comisión de seguimento, vixilancia e control adoptará os seus acordos por maioría simple, agás naqueles casos nos que o presente convenio estableza un quórum diferente.

No non previsto no presente convenio, o funcionamento da comisión de seguimento, vixilancia e control rexerase polas normas de funcionamento de órganos colexiados recollidas na sección 3ª do capítulo II do Título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Sétima.- Réxime xurídico

O presente convenio terá natureza administrativa. A súa revisión en vía xudicial, así como a dos actos e acordos ditados na súa execución ou derivados deste, corresponderalles aos órganos da xurisdición contencioso-administrativa.

Oitava.- Causas de resolución do convenio.-

1º.- Serán causas de resolución do convenio, ademais das previstas no artigo 51.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, as seguintes:

a.- Por decisión unilateral da Deputación.

b.- Por decisión unilateral dos concellos adheridos, adoptada en calquera momento e sen necesidade de alegación de causa xustificativa, comunicándollo á Deputación cun prazo mínimo de tres meses de antelación á súa data de efectividade.

c.- Por denuncia de calquera das súas partes, formulada cunha antelación mínima de tres meses ao remate de cada ano natural. En todo caso, a efectividade da resolución por denuncia de parte entenderase referida sempre ao 1 de xaneiro do exercicio seguinte.

d.- Pola causa prevista na cláusula 4.1 de convenio.

Para a aplicación desta cláusula seguirase o procedemento establecido no artigo 51.2.c) da Lei de réxime xurídico do sector público.

2º.- Unha vez resolto o convenio, este entrará en liquidación, que formulará a Deputación Provincial, trala audiencia das demais partes, e na que se incluirán os danos e perdas ocasionados polo incumprimento de obrigas convencionais, de ser o caso. O pago das obrigas derivadas da dita reclamación poderá reclamárselle á entidade que se considere responsable, e contra o rexeitamento expreso ou tácito desta poderán interpoñerse os recursos e exercerse as accións contempladas no ordenamento vixente.

Novena- Duración do convenio.

O presente convenio terá a vixencia de catro anos cabendo a súa prórroga de acordo co establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

RETIRADA DA MEDALLA DE OURO DA PROVINCIA A FRANCISCO FRANCO

Acordo:

1.Retirar de xeito inmediato, en cumprimento co artigo 15.1 da Lei 52/2007 de 26 de Decembro, a medalla de ouro outorgada ó ditador Francisco Franco en xullo de 1957, así como todas as honras dedicadas á súa persoa.

2.Facer constar a referida retirada na acta da sesión ordinaria así como no Regulamento de honras e distincións desta Deputación.

3.Engadir un encarte na acta do pleno de 26 de xullo de 1957 no que se faga constar esta moción e a consecuente retirada de honras para que dita circunstancia quede claramente explicada ás xeracións vindeiras.

DANOS CAUSADOS POLO PEDRAZO NA COMARCA DA LIMIA

Acordo:

1º.- Elaboración dos informes necesarios para realizar unha avaliación urxente dos danos causados polo pedrazo.

2º.- Estudar a adopción de medidas para paliar, na medida das posibilidades e competencias desta Deputación, os danos causados pola pedra.

3º.- Requirir á Xunta de Galicia, se así o aconsellase a avaliación, a tramitación de zona de emerxencia das distintas zonas afectadas.

GAS RADON

Acordo:

1º.- Crear un programa de cooperación para os concellos da provincia de Ourense, de menos de 20.000 habitantes, interesados no control e eliminación do gas radon nas súas instalacións.

2º.- Que o goberno provincial, en convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, realice os estudos necesarios para controlar e erradicar o gas radon nos concellos adscritos previamente ao programa de cooperación.

3º.- Que polo departamento de prevención e Riscos Laborais da Deputación se elaboren informes periódicos sobre a posible presenza de gas radon nos edificios provinciais e a exposición dos traballadores a este gas e se adoiten, no seu caso, as medidas oportunas para reducir os niveis do mesmo.