A Deputación de Ourense, primeira de España en comunicación en Twitter

Compartir

A institución provincial ocupa o primeiro posto na suma total de compromiso e relación cos usuarios da rede social (engagement), publicacións e impactos por habitante.

Manuel Baltar destacou o pasado mes de agosto como o presidente dos gobernos provinciais galegos máis activo en Twitter, e na actualidade ocupa o segundo posto de España dos 46 presidentes provinciais.

Ourense, 3 de setembro de 2017.- A Deputación de Ourense sitúase como primeira de España no ámbito da comunicación na rede social Twitter, segundo o barómetro da consultora Postanalytics, que analiza o ranking dos gobernos provinciais en canto a seu impacto e influencia en Twitter. Xa o pasado mes de agosto, o titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou como o presidente máis activo en Galicia na rede social Tiwitter, e na actualidade ocupa o segundo posto de España dos 46 presidentes provinciais.

Este compromiso de "goberno aberto", transparencia e interactividade cos cidadáns vén sendo a máxima do goberno que preside Manuel Baltar, un labor que foi recoñecido con galardóns no ámbito da innovación tecnolóxica, como aconteceu recentemente co proxecto "Provincia Intelixente", premiado polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia na gala da IX Noite da Enxeñería Informática, o evento TI de referencia en Galicia, que recoñeceu a innovación da Deputación de Ourense na súa visión global de provincia.

Asemade, no eido da transparencia, a Deputación de Ourense destacou este ano como líder en Transparencia dos gobernos provinciais de Galicia, segundo a Asociación Transparencia Pública, que acredita que o goberno que preside Manuel Baltar ten liderado en Galicia todos os índices analizados: Transparencia Institucional e Económica, Acceso á información, Participación e colaboración, Contratacións de servizos e Servizos e Apoio a municipios. Neste sentido, a Deputación de Ourense, e figura tamén entre os primeiros postos deste ranking no ámbito nacional, segundo o Índice DCI, Dyntra Deputacións provinciais, Cabildos e Consellos insulares.

Manuel Baltar considera que a participación cidadá, as políticas de goberno aberto, a innovación tecnolóxica e a eficiencia na cooperación con cidadáns e concellos "son as claves que sitúan á Deputación de Ourense no cumio da Transparencia, mantendo canles de comunicación permanente cos cidadáns que nos permiten dar resposta en menos de cinco días".

Precisamente, a Deputación de Ourense será a primeira institución pública do Estado en implantar o sistema de "Auditoría Social da Transparencia", un método que permite avaliar a transparencia na xestión en tempo real. Esta innovadora ferramenta, desenvolvida por Dyntra -a plataforma global da Sociedade Civil para a Transparencia e Rendición de Contas das Institucións-, permitirá coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito ao acceso á información de todos os entes obrigados por lei na provincia de Ourense. Ademais, permitirá a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España.