Deputación de Ourense e Xunta investirán máis dun millón de euros en melloras de instalacións deportivas da provincia

Compartir

Obras en campos de fútbol, pistas polideportivas e acondicionamentos viarios figuran entre as actuacións que se levarán a cabo en diferentes concellos da provincia de Ourense.

Manuel Baltar destaca a cooperación entre os gobernos provincial e autonómico, "clave para seguir mellorando servizos e infraestruturas neste ámbito deportivo", e remarcou "a visión integral de provincial" que defende "en favor dos 92 municipios ourensáns".

Ourense, 8 de setembro de 2017.- A Deputación de Ourense e Xunta de Galicia investirán máis dun millón de euros (1.027.658 €) en melloras de instalacións deportivas da provincia de Ourense. O orzamento irá destinado a obras en campos de fútbol, pistas polideportivas, de pádel e volei, e acondicionamentos viarios, entre outras, actuacións que se levarán a cabo en diferentes concellos da provincia de Ourense.

O Consello da Xunta vén de aprobar o convenio polo que a Secretaría Xeral para o Deporte e a Deputación de Ourense desenvolverán estas obras en instalacións deportivas, unha cooperación entre os gobernos provincial e autonómico que Manuel Baltar considera "clave para seguir mellorando servizos e infraestruturas neste ámbito deportivo". O presidente da Deputación remarca ademais que esta cooperación vai na liña da visión integral de provincia que defende en favor dos 92 municipios ourensáns, e sinaladamente, neste ámbito, "na de continuar mellorando a práctica deportiva na provincia de Ourense e dar resposta a demanda social existente".

Do importe total das actuacións, a Deputación de Ourense achegará 527.658 euros e a Secretaría Xeral para o Deporte subvencionará 500.000 euros. As obras, enmarcadas no exercicio 2017-2018, son as seguintes: pista polideportiva en Vilanova (137.000 euros) e a pista de pádel (40.000 euros) no Barco de Valdeorras; o campo de fútbol de Cortegada (250.000 euros); melloras varias na instalación municipal de Melón (20.000 euros); instalación de fútbol praia e volei praia na praia fluvial dos Franceses da Veiga (100.000 euros); construción dunha instalación deportiva en Castrelo de Val (37.000 euros); melloras de accesibilidade no campo de fútbol da Bola (50.000 euros); acondicionamento no campo de fútbol e edificacións anexas de Cenlle (32.987,02 euros); arranxos en instalacións deportivas por desperfectos causados polo temporal en Muíños (60.000 euros); pista polideportiva da Pobra de Trives (24.000 euros); pista de competición de Castrelo de Miño (21.671,55 euros); reparacións no campo de fútbol de Celanova (35.000 euros), e o campo de fútbol de Pereiro do Aguiar (220.000 euros).