O Consorcio Provincial contra Incendios e de Salvamento de Ourense aprobou os seus orzamentos para o ano 2018
Ourense, 14 de setembro de 2017.- O Pleno do Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento celebrado esta mañá no Pazo Provincial, aprobou os orzamentos da entidade para o ano 2018, que ascenden a un importe total de 4.168.028,70 euros. "Trátase duns presupostos que inciden na mellora da calidade na prestación dos servizos do Consorcio ás emerxencias da provincia. Estes orzamentos tamén nos van a permitir que no ano 2018 poñamos en marcha o mapa de emerxencias provincial, no que xa estamos a traballar, e incluso sexamos pioneiros en innovacións que vamos a implantar en materia de rescate", explicou o presidente do Consorcio Provincial de Ourense, Pablo Pérez, engadindo que unha vez aberto o parque de bombeiros do Carballiño e coa posta en funcionamento dos catro parques ao 100%, "a atención ás emerxencias da provincia deron un salto cualitativo".
Pablo Pérez destaca que coa aprobación dos orzamentos para o vindeiro ano "o Consorcio consolida a súa prestación de servizos en toda a provincia, como eixo vertebrador das emerxencias provinciais, sendo o coordinador de tódolos grupos de emerxencia municipais e cos outros dos grupos de bombeiros da Mancomunidade de Celanova e do Polígono de San Cibrao, o que nos permite mellorar na atención das emerxencias da provincia e dos nosos cidadáns".
Ademais do presidente do Consorcio Provincial de Ourense, tamén estiveron no Pleno o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o xefe do servizo de Seguridade, José González; o deputado provincial, Francisco José Fraga; o alcalde do Larouco, Joaquín Bautista Prieto; o secretario, Juan Marquina; e a interventora, Begoña Álvarez.