O Programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense acadou máis de 7.700 participantes

Compartir

  • Rosendo Fernández presentou hoxe os resultados deste programa no marco da feira Termatalia, destacando o incremento de solicitudes nos últimos anos, procedentes principalmente de toda Galicia, Madrid, Andalucía, Castela e León, Cataluña e Valencia.

Ourense, 22 de setembro de 2017.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, ofreceu hoxe no stand da Deputación, na feira Termatalia 2017, o balance do Programa Provincial de Termalismo Social desde o ano 2013 ata a actualidade, no que destaca que máis de 7.700 persoas, procedentes principalmente de toda Galicia, Madrid, Andalucía, Castela e León, Cataluña e Valencia, participaron no dito programa termal.

"Este proxecto naceu con vocación de ofertar á cidadanía un programa de saúde, benestar e envellecemento activo en todas as instalacións balnearias da provincia", explicou Rosendo Fernández, afirmando que o compoñente sociosanitario ten como obxectivo o apoio, compromiso e utilidade do noso sector termal, así como atraer turistas aos nosos balnearios para contribuír á actividade económica da nosa provincia e á fixación de emprego nas zonas rurais nas cales se sitúan as instalacións balnearias", explicou.

Número de participantes

O primeiro ano da posta en marcha do Programa (2013), o número de persoas que participaron foi de 444, ao seguinte ano (2014) a cifra elevouse a 673, pero foi no ano 2015 cando se produce un salto cuantitativo e cualitativo ascendendo a 1.745 o número de persoas participantes, un incremento debido á incorporación do tren ao programa, ofrecendo a posibilidade desde máis de 40 cidades de toda España trasladarse ata Ourense e, posteriormente, ao balneario, integrando este servizo dentro do Programa grazas ao convenio de colaboración establecido entre o Ministerio de Fomento a través de RENFE, que converte a esta iniciativa no único Programa de Termalismo Social de España, que oferta o desprazamento en tren. En 2016 a cifra de participantes elevouse ata 2.190 e no que vai de ano xa ascende a 2.653.

Pernoctacións nos Balnearios

Outro dos indicadores que destaca é o número de participantes nas pernoctacións que reciben os balnearios da provincia a través deste Programa. O primeiro ano (2013) a cifra de pernoctacións foi de 1.845, cifra que se elevou no ano 2014 ata 2.423, e que debido á incorporación do tren ascendeu en 2015 ás 7.400 pernoctacións. En 2016 foron 8.786, e este ano xa acadou as 10.845.

Procedencia dos participantes

Neste apartado establécese unha comparativa entre os participantes que residen na provincia de Ourense e os que proceden de fóra da provincia. En relación aos primeiros, a totalidade dos que participaron no ano 2013 residían na provincia, os 444, cifra que evoluciona a 485 no segundo ano, a 616 no terceiro, a 631 no cuarto e a día 1 de setembro deste ano, ascende a 642. Con respecto aos residentes fóra da provincia comezaron a participar por primeira vez no ano 2014 cunha contía de 188 persoas, dando un salto aos 1.129 participantes no ano 2015, elevándose no ano 2016 aos 1.559 participantes e no que vai deste ano xa superan os 2.000 participantes.

Este ano 3 de cada 4 persoas veñen de fóra da provincia, a gran maioría de fóra de Galicia, das cales a maior porcentaxe son residentes na Comunidade de Madrid, pero tamén Andalucía, Castela e León, Cataluña ou Valencia, entre outras, a maioría a través do tren.

Administración electrónica

Rosendo Fernández destaca "a aposta decidida polas novas tecnoloxías para seguir xestionando vía administración electrónica as solicitudes para participar no Programa, evitando que o cidadán teña que desprazarse para presentar documentación na Deputación de Ourense". Neste apartado, destacan os datos de acceso á páxina web a través da cal os cidadáns solicitan o Programa. Así, comparando as cifras dos tres primeiros trimestres do ano pasado co actual apréciase un notable incremento: de 8.877 a 24.930 usuarios, e de 93.242 a 242.132 en canto ao número de visitas a páxina.

Programa no 2018

"Estamos a traballar desde hai semanas, en colaboración co sector termal provincial, na planificación do Programa de 2018. O feito de que en setembro se aproben os orzamentos provinciais para o vindeiro ano, permítenos traballar con previsión de dispoñer en novembro das bases reguladoras do Programa para publicalas no BOP en decembro e iniciar o prazo de solicitudes o día 1 de xaneiro ás 00.01 horas", explicou o vicepresidente do goberno provincial.

"Traballamos coa expectativa de que no 2018 ampliemos de forma significativa as prazas nas diferentes modalidades do Programa, en especial as de tren, que pasarían de 38 quendas de estancias ofertadas no 2017 a 50 quendas no 2018. O obxectivo para o vindeiro ano é superar as 3.000 persoas participantes. Traballamos para ser unha administración provincial útil para o cidadán e para o sector termal provincial", finalizou Rosendo Fernández.