Manuel Baltar afirma que a Constitución "é un instrumento de desenvolvemento e modernidade, básico para os nosos dereitos e liberdades"

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe no Auditorio da capital no acto conmemorativo do XXXIX aniversario da Carta Magna e do 34º Concurso da Constitución, que premiou debuxos e redaccións de alumnos de diferentes niveis educativos da provincia de Ourense.

Ourense, 6 de decembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe a importancia da Constitución española, "un tratado de paz e progreso con case 40 años de vixencia", expresou. O presidente do goberno provincial, quen participou no Auditorio de Ourense no acto conmemorativo do XXXIX aniversario da Carta Magna e no 34º Concurso da Constitución -que premiou debuxos e redaccións de alumnos de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e FP de centros escolares da provincia de Ourense-, dixo que a Constitución "é un documento tan intelixente que regula o procedemento para a súa modificación esixindo un amplo consenso", e engadiu que a Constitución "ten sido un instrumento de desenvolvemento e modernidade, básico para os nosos dereitos e liberdades".

O acto, presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, contou tamén coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e de cargos do Congreso, o Senado, o Parlamento galego e deputados provinciais, ademais doutras institucións, xunto con representantes dos ámbitos social, da xudicatura e da cultura.

Aparte dos premios escolares, no acto entregáronse recoñecementos á Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer "Afaor", polo seu labor social e asistencial, e ao Instituto Calasancio Hijas de la Divina Pastora, en homenaxe ao padre Faustino Míguez, recentemente canonizado no Vaticano. Asemade, os mandos da Garda Civil, os tenentes coroneis Jesús Gómez e Orentino Varela, recibiron un recoñecemento polo seu labor, e tamén se entregou a Medalla ao Mérito Civil ao comisario da Policía Nacional en Ourense.

A Subdelegación do Goberno en Ourense convocou un ano máis o Concurso da Constitución, nesta ocasión baixo o lema: "A organización territorial do Estado", un concurso dirixido a estudantes dos distintos niveis educativos de entre 3 e 18 anos da provincia de Ourense.