Manuel Baltar define os 40 anos da CEO como "un compromiso co dinamismo económico, social e cultural de Ourense"
- O presidente da Deputación participou no acto de homenaxe ás catro décadas da Confederación Empresarial de Ourense destacando "a alianza estratéxica entre a institución provincial e a CEO" e felicitou aos empresarios "porque cada unha das súas historias fai posible un proxecto colectivo como é o da provincia de Ourense".
Ourense, 18 de decembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo esta tarde, no acto de conmemoración do 40º aniversario da Confederación Empresarial de Ourense, que a CEO demostrou ao longo destas catro décadas "o seu compromiso co dinamismo económico, social e cultural da provincia de Ourense". O presidente do goberno provincial afirmou no seu discurso que neste 2017 "cumpríronse 181 anos de historia da Deputación de Ourense, aliado estratéxico da CEO, un visible exemplo da colaboración público-privada na que militamos ámbalas dúas organizacións".
No acto, celebrado na sede de Afundación en Ourense, no que participaron tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o vicepresidente da CEOE, Antonio Garamendi, e o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, o presidente da Deputación de Ourense expresou que ao longo destes oito lustros "a CEO sabe da especial vocación da Deputación pola cooperación e o desenvolvemento económico; coñeceu de primeira man a posta en marcha do Inorde, onde colaboramos, como facemos noutras entidades provinciais que pensan en clave de Ourense, e sabe da conexión, no ámbito da planificación estratéxica provincial, de ferramentas de traballo como o Observatorio Económico Ourensán, instrumento básico para acertar coas mellores políticas públicas".
Baltar lembrou as liñas de colaboración Deputación de Ourense-CEO, entre as que citou "iniciativas como a Oficina de Atracción de Investimentos ou o Plan Exportou de apoio á internacionalización das nosas empresas". "Unha CEO básica –dixo- para levar a cabo accións innovadoras como as misións empresariais certificadas polo goberno dos Estados Unidos e outras como a misión a Israel, e mesmo a que comezou esta semana e que trouxo a Ourense a máis de vinte investidores chineses interesados nos sectores agroalimentario, tecnolóxico e da lousa. E seguiremos afondando nesa liña".
O presidente da Deputación recoñeceu "o labor e traxectoria de todos os empresarios da nosa provincia, "porque cada unha das súas historias fai posible un proxecto colectivo como é o de Ourense", remarcando os parabéns "ás 71 asociacións e máis de 160 empresas que na actualidade fortalecen a CEO. Sigamos xuntos, sen esquecer a importancia da colaboración público-privada e do peso que debemos outorgar á nosa universidade, ao Campus de Ourense, unha interrelación que multiplicará resultados e apostará polo territorio".
Rematou Manuel Baltar subliñando a importancia "do momento histórico que vivirá esta provincia cando sexamos a porta de entrada da Alta Velocidade Ferroviaria a Galicia. Sigamos preparando ese momento facendo deste territorio un lugar atractivo para investir e para desenvolver proxectos persoais e empresariais".