Deputación, CHMS e o Concello da Veiga investirán 400.000 euros na mellora da conectividade das marxes do río Xares
- Un convenio entre as tres administracións permitirá a execución de proteccións puntuais nas zonas máis afectadas pola erosión en tres tramos do río, ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños.
Ourense, 5 de xaneiro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín; e o alcalde da Veiga, Juan Anta, asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo o proxecto de acondicionamento, protección e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños, no municipio da Veiga.
O investimento total destinado para estas actuacións ascende aos 400.000 euros, de tal modo que a Deputación de Ourense achegará 140.000 euros, o 35% do investimento; a CHMS achegará 200.000 euros, o 50% do investimento; e o Concello da Veiga achegará 60.000 euros, o 15 do investimento total.
O obxectivo desta actuación consiste no acondicionamento das marxes do río e a execución de proteccións puntuais nas mesmas, nas zonas máis afectadas pola erosión en tres tramos do río, ao seu paso por cada un dos tres núcleos de poboación. Asemade, con este proxecto preténdese a integración e mellora da conectividade entre as marxes do río Xares mediante varias actuacións nas pontes existentes e valorando a necesidade de acometer novas obras de paso. Por outra parte, revisarase o estado de conservación dos noiros que forman as marxes do río Xares e elementos etnográficos asociados ao mesmo, actuando para a súa conservación e mantemento.