A Deputación distribuirá pola provincia 450 novos contedores de envase lixeiro para fomentar a reciclaxe
- Esta acción medioambiental ten como obxectivo aumentar a porcentaxe de reciclado dos residuos de envases.
- Manuel Baltar, presentou hoxe esta campaña no Punto Limpo de San Cibrao das Viñas, afirmando que a Deputación xestiona a recollida de residuos municipais en 71 concellos, "un labor enmarcado na política de sustentabilidade e defensa noso medio ambiente que promove a institución provincial, con xestión, cooperación e campañas de sensibilización cidadá ao longo do ano".
Ourense, 8 de xaneiro de 2018.- A Deputación de Ourense distribuirá pola provincia 450 novos contedores de envase lixeiro para fomenta a reciclaxe, unha acción medioambiental que ten como obxectivo aumentar a porcentaxe de reciclado dos residuos de envases no territorio provincial. A iniciativa vén motivada polo acordo asinado entre a Deputación de Ourense e Ecoembalajes España, S.A. (Ecoembes), poñendo en marcha medidas para a mellora da recollida de envases lixeiros, co fin de incrementar as cantidades recuperadas e favorecer un maior reciclado.
Manuel Baltar, presentou hoxe esta campaña no Punto Limpo de San Cibrao das Viñas, acompañado pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e por representantes de Ecoembes, afirmando que a Deputación de Ourense xestiona a recollida de residuos municipais –vidro, papel-cartón e envases lixeiros- en 71 concellos, "un labor enmarcada na política de sustentabilidade e defensa do noso medio ambiente que promove a institución provincial, con xestión, cooperación e campañas de sensibilización cidadá ao longo do ano", expresou o presidente da Deputación.
O contrato inclúe o subministro de 450 colectores de 800 litros de capacidade cada un, destinados a envases lixeiros, cuxa recollida realiza o Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense. O motivo desta acción medioambiental na provincia é a renovación de contedores deteriorados e tamén a demanda por parte de concellos da colocación de máis colectores debido á apertura de establecementos hostaleiros e comerciais, para ofrecer así un mellor servizo aos cidadáns.
Os novos colectores, de cor amarela, van dotados con tapón de roscado e unha xunta que garante a estanquidade do recipiente, contando ademais con rodas e accesorios para a elevación e asas para a manipulación do mesmo.
No marco do acordo con Ecomembes, a Deputación de Ourense manterá actualizado o inventario de contedores para a recollida selectiva de envases lixeiros situados na vía pública, segundo o especificado no convenio de colaboración, reflectindo no mesmo as altas e baixas que se produzan e indicando os colectores que teñan sido instalados en base a este acordo. Asemade, o ente provincial garante a prestación dun servizo de calidade na recollida de envases lixeiros, en particular no referido á frecuencia da recollida, para evitar desbordamentos, e á limpeza e mantemento dos contedores e a súa contorna, de forma que se facilite e incentive a participación dos usuarios na recollida selectiva.