Financiamento e despoboamento, temas analizados na Comisión de Deputacións da FEMP
Pontevedra, 13 de febreiro de 2018.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe na reunión da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias, que se celebrou no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra. Na xuntanza abordáronse cuestións relativas ao apartado financeiro das corporacións locais referidas ao reinvestimento do superávit das entidades locais, a regra de gasto e ao financiamento local, entre outras.
Outro dos temas a abordar durante a reunión foi a preocupación polo despoboamento do mundo rural, cuestión para a cal se reclamaron medidas específicas e recursos económicos, e destacouse o potencial dos organismos provinciais para paliar esta situación. Ambos asuntos serán trasladados o vindeiro 12 de abril en Bruxelas, ás autoridades da Unión Europea, polos presidentes das Deputacións.
Por outra banda, tamén formaron parte da orde do día as consecuencias para as Entidades Locais da entrada en vigor da Lei 9/207, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público; a tarxeta social universal; e medidas en materia de información de seguridade viaria.