Manuel Baltar e Manoel Carrete revisan o estado do futuro Museo da Emigración de Galicia

Compartir

  • A posta en marcha desta iniciativa museística, que terá a súa sede no Pazo de Vilamarín, conta co apoio dos centros galegos no exterior.

Ourense, 18 de febreiro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o asesor de Emigración do ente provincial, Manoel Carrete, reuníronse no Pazo Provincial para analizar o estado actual do futuro Museo da Emigración de Galicia, unha iniciativa cultural, histórica e social que ten como obxectivo "poñer en valor o espírito emprendedor dos nosos emigrantes e o seu traballo, así como a súa singular capacidade como pioneiros que foron da internacionalización de Ourense e Galicia", expresou Manuel Baltar.

A posta en marcha desta iniciativa conta co apoio dos centros galegos no exterior, que aportarán os fondos necesarios para darlle contido ao museo, que terá a súa sede no Pazo de Vilamarín. O espazo expositivo que albergará esta homenaxe á emigración galega terá un enfoque especialmente interactivo e estará dirixido a público de todas as idades, maiores, mocidade é infancia.

Manoel Carrete está en contacto con importantes persoeiros e colectivos do mundo da emigración galega para facer deste museo un "punto de encontro emocional" dun pobo emigrante por natureza. O proxecto forma parte do Plan de Goberno "Ourense 15-19" da Deputación de Ourense, e responde a unha "obriga moral de Ourense e de Galicia", recoñecendo "o importante papel histórico e de sentimento dun fenómeno que axudou a construír a nosa identidade", afirma o presidente do goberno provincial.

Baltar e Carrete tamén revisaron na súa reunión o estado actual do proxecto do Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra, que se situará en Castro Caldelas, e a alianza coa Fundación "Sotelo Blanco" que contribuirá a darlle contido a este espazo expositivo.