Presentación da mostra escultórica de Ruth Lodeiro, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel"
- Baixo o título "Penélope. Tecedoras de soños", a exposición poderá visitarse ata o día 18 de marzo.
Ourense, 22 de febreiro de 2018.- A artista Ruth Lodeiro estrea unha exposición de escultura no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, na que baixo o título "Penélope. Tecedoras de soños", a artista afonda na súa indagación sobre os mitos. A presentación da mostra tivo lugar hoxe, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural, Francisco González, e a artista. A mostra, será inaugurada hoxe xoves, ás 20.15 horas, e poderá visitarse ata o día 18 de marzo.
Ruth Lodeiro explicou que na mostra fai "unha revisión da mitoloxía e do mundo cultural grecolatino, que tomou o relevo ao cristianismo, con todos eses clichés e roles que se impoñen non só as mulleres, senón tamén aos homes, aínda que eu reviso sobre todo ás mulleres. E tamén fago un paralelismo coas mulleres que quedan soas con motivo da emigración e, sobre todo, a espera, vencellada sempre ás mulleres".
No relativo ás obras que compoñen "Penélope. Tecedoras de soños", a artista explicou que as pezas son "artelladas sempre en base a un mesmo elemento cerámico que é unha metáfora de úteros, anxos, corpos acéfalos de mulleres, cristos, e están pechadas en gaiolas con redes metálicas e cosidas, para reflectir o mundo da muller de cosidos e a transmisión que nos deixaron as nosas antecesoras".