Ourense acollerá en outubro o cumio europeo termal, con 40 representantes de 13 países

Compartir
  • O presidente da Deputación, Manuel Baltar, vicepresidente da Asociación europea de cidades históricas termais, confirmou que a celebración da asemblea xeral desta entidade "converterá a Ourense en protagonista do termalismo en Europa".

  • Baltar avanzou hoxe, trala reunión do Comité de cooperación permanente Deputación-Concello de Ourense, que a reunión termal terá lugar os días 3, 4 e 5 de outubro.

Ourense, 26 de febreiro de 2018.- Ourense acollerá os dias 3, 4 e 5 de outubro a asemblea xeral da Asociación Europea de cidades históricas termais (EHTTA), entidade que engloba a 40 representantes de 13 países e da cal o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, é vicepresidente. "Ourense será protagonista do termalismo europeo neste cumio", afirmou hoxe o presidente do goberno provincial ao remate da reunión do Comité de cooperación permanente Deputación-Concello de Ourense, no que se analizaron asuntos relacionados cos ámbitos do termalismo, as infraestruturas e culturais.

Na reunión acordouse, segundo confirmou Manuel Baltar, a creación dun grupo de traballo para coordinar o desenvolvemento da asemblea xeral da EHTTA, a rede termal máis importante de Europa, na que están presentes cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia capital ourensá, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.

Tamén se avaliou na xuntanza a relación entre Deputación de Ourense e Concello de Ourense nos exercicios 2015, 2016 e 2017 "nos que se desenvolveron iniciativas de cooperación no marco deste comité interadministrativo que supuxeron un investimento próximo a 1,5 millóns de euros, destinados a proxectos de infraestruturas viarias, de acondicionamento dos accesos ao CHUO, e tamén do ámbito cultural, como as colaboracións para o Festival de Cine ou para o Festival "Pórtico do Paraíso", expresou o presidente provincial.

Pola súa banda, Jesús Vázquez destacou que a cooperación institucional "é clave para o desenvolvemento de accións e iniciativas que redunden na mellora integral de Ourense e do seu posicionamento a nivel internacional no eido do termalismo", engadindo que "temos na Deputación un aliado clave na defensa dos intereses da veciñanza de Ourense".

O Comité de cooperación permanente é un órgano único nas súas características no que atinxe á colaboración interinstitucional, que ten como obxectivo dinamizar e optimizar os proxectos de interese común para a capital e a provincia, "cooperando entre as dúas institucións a prol da veciñanza e dos servizos públicos que poñemos á súa disposición", remarcou Manuel Baltar.