Últimos días para presentar traballos ao premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo" 2018

Compartir

  • O prazo remata o día 16 de marzo e a dotación do galardón, que convoca a Deputación de Ourense, é de 3.000 euros.

Ourense, 2 de marzo de 2018.- O vindeiro 16 de marzo remata o prazo para presentar traballos ao premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo" 2018, un galardón que convoca a Deputación de Ourense para premiar o mellor traballo xornalístico –escrito, gráfico ou audiovisual- publicado no ano 2017 nun medio de comunicación galego ou referido a Galicia. O premio foi instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade. O galardón consiste nun único premio e a dotación será de 3.000 euros.

A este galardón poden optar tódolos profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos ou audiovisuais. Os traballos que participen no concurso terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou deberán referirse a Galicia, con data de publicación entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro do mesmo ano.

O xurado do premio estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vogais estarán representantes de: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Federación de Asociacións de Periodistas, Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, sendo o secretario do xurado, con voz pero sen voto, o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.

Os interesados en participar teñen de prazo ata o día 16 de marzo para presentar os seus traballos. As propostas deberán ir acompañadas de seis fotocopias da páxina ou páxinas en que foron difundidas, se son publicacións impresas. No caso de traballos dixitais, seis copias de capturas de pantalla ou do texto, en ambas con certificado do responsable do medio facendo constar a data de publicación. E para os traballos audiovisuais presentaranse seis copias en CD, DVD ou lapis dixital. En caso de que os traballos se publicasen sen asinar ou con pseudónimo, deberá achegarse un certificado do director do medio, no que conste a data de emisión e nome ou nomes dos autores. Ademais, as propostas deberán ir acompañadas dun breve currículo vitae do autor ou autores que opten ao premio. Os traballos remitiranse á Deputación de Ourense, rúa Progreso, 32, baixo o epígrafe de Premio de periodismo "Xosé Aurelio Carracedo 2018".

As propostas para optar ao premio poderán ser, indistintamente, presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado.

O acto de entrega do premio será o día 3 de maio, coincidindo co Día Internacional da Liberdade de Prensa.