A Deputación de Ourense celebra o Día Internacional da Muller
- O acto, que tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", contou coa participación de representantes institucionais, traballadores da Deputación e alumnado de 5º e 6º de primaria.
Ourense, 8 de marzo de 2018.- A Deputaciónde Ourense celebrou hoxe o Día Internacional da Muller nun acto que tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", no que participaron representantes institucionais, traballadores da Deputación, e alumos de 5º e 6º de primaria dos colexios San José–Josefinas e Padre Feijóo-Zorelle de Ourense. No evento interviñeron a deputada provincial de Igualdade, Teresa Cerdeira; a presidenta da Comisión de Igualdade da Deputación, Montserrat Lama, e a adxunta de dirección da Área de Benestar e membro da Comisión de Igualdade, Montserrat Rodríguez.
A presidenta do Comisión de Igualdade dirixiuse ás estudantes animándoas "a superar as barreiras que vos topedes no camiño", e expresou o desexo "de que non teñades que continuar a loitar pola igualdade". Na mesma liña, a deputada de Igualdade repasou as iniciativas que desenvolve a Deputación de Ourense a prol de igualdade, "coa posta en marcha do I Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, no que se melloran aspectos importantes como a conciliación laboral, o empoderamento da muller, uso da linguaxe non sexista, e outras cuestións que teñen como obxectivo eliminar a discriminación por razón de sexo". Ademais, o goberno provincial colabora tamén con entidades sen ánimo de lucro que traballan pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres apoiando proxectos relacionados con esta temática.
Pola súa parte, Montserrat Rodríguez falou "deses pequenos feitos que parecen "non causar dano, porque son menos visibles, "pero contribúen á desigualdade cotiá" e da importancia de "identificalos para poder erradicalos". Neste labor, dixo, "cada persoa suma, e xuntos debemos crear espazos de igualdade". Montserrat Rodríguez salientou que o 8 de marzo "é un día para dar visibilidade ao cotiá e debe servirnos para unirnos na vontade de querer construír unha sociedade que se sinta orgullosa de si mesma".
Os encargados de pechar o acto foron os alumnos de entre 9 e 11 anos, coa lectura de peticións que foron colgando na "Árbore dos desexos", defendendo un mundo no que non exista a discriminación nin a violencia de xénero, e no que as institucións continúen a traballar a prol da igualdade".