A mostra In Tempore Sueborum alcanza os 25.000 visitantes

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense entregoulle ao director do colexio de Ventín, en Ames, un catálogo da mostra para que pasará a formar parte da biblioteca do centro.

Ourense, 15 de marzo de 2018.- A exposición In Tempore Sueborum, que organiza a Deputación de Ourense, alcanzou hoxe os 25.000 visitantes coa visita dun grupo de alumnos do colexio público de Ventín, en Ames. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregoulle ao director do colexio, Alfredo Rodríguez, un exemplar do catálogo da mostra que pasará a formar parte da biblioteca do centro.

O presidente do goberno provincial destacou que a exposición sobre o reino suevo "continúa a ser un pulo de atracción" e animou a todos aqueles que aínda non visitaron a mostra a que se acheguen a vela porque é "unha oportunidade única". A mostra, que pode visitarse ata o día 6 de maio, "forma parte xa da esencia cultural de Ourense e o éxito de crítica e de público significa que esperta un interese inusitado non só en Galicia senón fora da nosa Comunidade Autónoma, polo que creo que foi unha gran aposta cultural que marca o camiño a seguir", dixo Baltar.

In Tempore Sueborum sitúa a Ourense na rede de cidades de grandes exposicións e "deixará o listón cultural ben alto, non só na nosa provincia senón en toda Galicia", sinalou Baltar, quen salientou que esta mostra contribúe ao "posicionamento de Ourense como provincia con gran capacidade organizativa, tal e como demostramos en cada evento que poñemos en marcha, e agora imos a polos 30.000 visitantes".

Pola súa parte, o director do colexio amosou a satisfacción de todo o grupo de escolares: "interésanos moito o tema da historia, da xeografía, ubicar aos nosos rapaces, sobre todo para que non perdan a identidade e dado que cada ano, os alumnos que rematan 6º de primaria, teñen que ter visitado algo das catro provincias galegas, este ano tocáballe vir ver esta exposición".

A presente mostra internacional sobre o tempo dos suevos recibiu a visita tamén de autoridades académicas, económicas, sociais, políticas e diplomáticas tanto de España como doutros países –Marrocos, Polonia, Portugal, China, Francia, Reino Unido, Alemaña– "non só na exposición senón no ciclo de conferencias paralelo que se está a desenvolver. Non ten parangón con ningún outro que se fixera por estas latitudes. En definitiva, hai que seguir nesta liña", salientou o presidente do goberno provincial.

In Tempore Sueborum recibiu por tanto unha cantidade de visitantes que equivale a un cuarto da poboación da cidade Ourense. O ritmo de crecemento é importante como amosan os datos, posto que en menos de tres semanas a exposición subiu dos 18.000 aos 25.000 visitantes.