Manuel Baltar participa na presentación do proxecto do Ecobarrio da Ponte
- O obxectivo desta iniciativa é establecer a primeira rede de xeotermia de Europa, aproveitando esta fonte de enerxía para abastecemento de calefacción e auga quente na Ponte.
Ourense, 19 de marzo de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no Salón de Plenos do Concello de Ourense, na presentación do proxecto do Ecobarrio da Ponte, acto que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e do comisario de Acción polo Clima e Enerxía da Comisión de Europa, Miguel Arias Cañete.
A previsión é que o proxecto do Ecobarrio se desenvolva nesta primeira fase en 31 edificios públicos e 18 privados. Isto supón a aplicación destas medidas en máis de 92.000 metros cadrados de superficie construída, onde a aplicación práctica será na xeración de enerxía renovable, na iluminación pública e na implantación da mobilidade sostible.
"Que Ourense se converta en referente internacional no que ao aproveitamento de enerxías renovables é, por si mesmo, unha das noticias máis importantes que recibe esta cidade nas últimas décadas", expresou Jesús Vázquez.
Alberto Núñez Feijóo dixo que con este proxecto "Ourense se transforma nunha cidade pioneira na loita contra o cambio climático, na redución de consumo enerxético e no aproveitamento dos recursos naturais enerxéticos". Cun investimento de 20 millóns de euros e a creación de 300 postos de traballo, o titular da Xunta lembrou ademais que esta iniciativa prevé mellorar a eficiencia enerxética un 20%.
Así mesmo, o proxecto recolle tamén a posta a punto de fachadas e envolventes térmicas en colexios, institutos e outros inmobles como a futura estación intermodal; a substitución da iluminación actual por tecnoloxía led, tanto nos edificios como nas rúas; o fomento da mobilidade sustentable; e a posta en marcha da Oficina do ecobarrio, para informar á comunidade de veciños e ás asociacións sobre as axudas e actuacións en materia de eficiencia enerxética.
Pola súa, banda Arias Cañete destacou o compromiso das diferentes administracións á hora de camiñar na transición enerxética cara "modelos urbanos máis limpos", e no caso de Galicia subliñou a estratexia "ambiciosa" en cuanto a sustentabilidade e loita contra o cambio climático, destacando o compromiso do goberno galego para que o 45 por cento da enerxía que se produza en 2020 sexa renovable, "superando amplamente as directrices da UE", e confiando en que "a posta en marcha deste proxecto en Ourense teña réplica noutras cidades europeas".