Celebración da "Semana Escolar da Árbore e da Auga" no CEIP de Xunqueira de Ambía

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense participou xunto aos alumnos do colexio "Padre Crespo" nas actividades culturais e medioambientais organizadas neste centro educativo para conmemorar a efeméride.

  • Preto de 11.000 estudantes de Infantil e Primaria de 100 centros educativos da provincia participan esta semana nas actividades organizadas pola Deputación de Ourense.

Ourense, 21 de marzo de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no CEIP "Padre Crespo" de Xunqueira de Ambía nas actividades organizadas dentro da 4ª "Semana Escolar da Árbore e da Auga", que organiza a institución provincial para conmemorar os Días Mundiais da Árbore e da Auga. Acompañado por alumnos e profesorado do centro educativo, así como polo alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, e polo escritor Xosé A. Perozo, o presidente da Deputación participou nas actividades desenvolvidas ao longo da mañá no colexio, como foron a plantación de árbores e a entrega da publicación A invención do salgueiro en Ourensanía, o libro que este ano se entrega aos estudantes que participan na Semana Escolar.

Manuel Baltar destacou a importancia deste labor formativo e de concienciación medioambiental "implicando aos máis novos nesta tarefa de sensibilización e protección da auga e do noso medio natural, un traballo que facemos moi gustosamente desde o goberno provincial; unha campaña que iniciamos hai catro anos e na que seguiremos insistindo, sobre todo nesta época, na que hai uns meses sufrimos unha vaga de lumes, porque é fundamental que os máis novos interioricen a importancia de protexer o medio ambiente, porque será beneficioso para a nosa sociedade".

Este ano preto de 11.000 estudantes de 100 centros educativos da provincia participan na Semana Escolar. A Deputación de Ourense editou o libro-manual A invención do salgueiro en Ourensanía, dirixido a estudantes de Primaria, do que é autor Xosé A. Perozo, publicación que ten como árbore protagonista o salgueiro o cal, a través dunha historia de ficción que se desenvolve nos espazos naturais protexidos da provincia, pretende chamar a atención sobre as secas e os incendios, educando na conciencia ambiental e na prevención e conservación da natureza, creada para que o alumnado goce e aprenda ao mesmo tempo. Ademais do libro tamén se editou unha Guía do Profesorado que orienta aos docentes sobre actividades para desenvolver no ámbito da concienciación medioambiental.