In Tempore Sueborum supera os 31.000 visitantes

Compartir

  • O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destaca que este proxecto cultural "marcará un antes e un despois na historia da nosa provincia".

Ourense, 5 de abril de 2018.- A exposición In Tempore Sueborum que organiza a Deputación de Ourense superou na pasada Semana Santa os 31.000 visitantes. Esta cifra segue amosando o interese que suscita entre o público de toda España esta exposición, superando xa as expectativas da organización, destacou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen salientou que este proxecto cultural "marcará un antes e un despois na historia da nosa provincia".

En pouco menos dun mes, este proxecto científico e cultural pasou dos 19.000 visitantes á cifra actual. Trala Semana Santa, contabilizáronse, desde o sábado 24 de marzo ata o domingo 1 de abril 2.000 visitantes, que percorreron as tres sedes nas que está exposta esta mostra. A maior concentración de visitantes tivo lugar a partir do Martes Santo, con 259 persoas, alcanzando o cumio o venres, con 444 visitantes. O día anterior rexistráronse 343, e a mañá do domingo pechouse cun total de 111 persoas.

Por comunidades, a máis presente en In Tempore Sueborum en canto a visitas é a galega, seguida de Madrid e Castela e León. A continuación figuran Asturias, Andalucía, País Vasco, a Comunidade Valenciana, Estremadura, Canarias, Cantabria, A Rioxa, Baleares, Cataluña e a cidade autónoma de Melilla. Ao longo da Semana Santa a exposición tamén rexistrou visitantes chegados de dez países: China, Austria, Reino Unido, Francia, México, Portugal, Xapón, Guatemala, Arxentina e Venezuela.

A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 6 de maio. Nas vindeiras semanas editarase a segunda edición do catálogo, o volume de estudos científicos, e tamén se está a traballar nun documental.