A Deputación aproba axudas para asociacións e concellos en Cultura e Servizos Sociais

Compartir

Ourense, 20 de abril de 2018.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá un total de 86.000 euros en axudas a asociacións e concellos da provincia para temas de Cultura e Servizos Sociais. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 20 de abril de 2018.

No apartado cultural aprobou unha axuda de 20.000 euros para a Asociación Musical de Trasmiras para os gastos de funcionamento da entidade do curso 2017-2018 e, para Fundación Vicente Risco, 16.000 euros, destinados igualmente a gastos de funcionamento da entidade correspondentes en 2018. En materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para o Concello de Ribadavia por importe de 35.000 euros para a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2018.

No referido a Servizos Sociais, na reunión aprobouse unha axuda de 15.000 euros para a Delegación en Ourense de Cruz Vermella, para os gastos da entidades correspondentes ao 2018. Asemade, aprobouse a rectificación de erro no acordo da Xunta de Goberno do 6 de abril de 2018, relativo a ratificación do convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense, polo que a Deputación destina 220.000 euros para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no Campus de Ourense. A axuda debíase materializar a través dunha subvención nominativa e non mediante un convenio de colaboración.