Ourense acollerá a terceira edición das Olimpíadas de Mus por equipos

Compartir

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento que terá lugar do 27 ao 29 de abril e no que se darán cita máis de 400 xogadores de toda España.

Ourense, 25 de abril de 2018.- Ourense acollerá, do 27 ao 29 de abril, a terceira edición das Olimpíadas de Mus na modalidade de competición por equipos, un evento no que se darán cita máis de 400 xogadores de toda España. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o presidente da Asociación Cultural Museiros de Ourense, Antonio Losada; o representante da organización das Olimpíadas de Mus, Ramón Bouzo; a licenciada en Turismo, Maria Sacó; e o membro da Asociación Cultural Museiros de Ourense, Alberto Movilla.

A Deputación de Ourense colabora con este evento que nace coa vocación de "aglutinar a todo o mus que se practica en España e, ademais, co sistema de equipos, que é unha modalidade de competición na que Ourense é un referente en España", dixo Rosendo Fernández. Con motivo desta celebración, "visitarán a nosa cidade e a nosa provincia preto de 500 persoas e descubrirán a nosa riqueza patrimonial, cultural e termal", sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

O evento comezará xa o venres, 27 de abril, coa recepción dos participantes, mentres que as Olimpíadas, que arrancarán ao día seguinte ás 10.00 horas, celebraranse en xornada de mañá, tarde e noite. E o domingo, 29 de abril, será a quenda para as finais deste evento que prevé a entrega dos premios ás 14.00 horas. O evento terá lugar nos salóns da Carballeira de Santa Cruz, "onde podemos meter 105 mesas para xogar ao mesmo tempo", sinalou Ramón Bouzo.

Este evento, organizado por Noticias de Mus e coa colaboración da Asociación de Museiros de Ourense, reunirá a máis de 40 equipos procedentes de tódalas Comunidades Autónomas de España. As anteriores edicións celebráronse en Bilbao e en Madrid.

Pola súa parte, o presidente da Asociación Cultural Museiros de Ourense salientou que "o mus sempre foi un xogo de parellas, pero en Ourense xa levamos máis de 13 anos a xogar por equipos". Este evento fai que "desde hai cinco ou seis meses temos practicamente cheos os hoteis de Ourense coas Olimpíadas", destacou Ramón Bouzo. Neste senso, María Sacó explicou que "se fixo como unha ruta para que a xente que vén a xogar ao mus, saiba onde se pode dirixir a xogar unha partida ou onde se centralizan os equipos. Aparte, dado que é unha ponte, haberá xente que viaxe acompañada, e dámoslle esa opción de que poidan moverse pola provincia e pola cidade e coñecernos".